Traballadores/as de REGAKI concéntranse diante do Parlamento en demanda dos seus salarios e da intervención da Xunta no conflito

Exixen unha inmediata resolución do concurso de acredores e do ERE extintivo
Traballadores e traballadoras de REGAKI (COGAMI-GES) concentráronse este mércores diante do Parlamento de Galiza para demandar a inmediata intervención da Xunta de Galiza no conflito e exixir o urxente abonamento dos salarios que se lles adebedan. Carmiña Naveiro, da CIG-Servizos asegurou, no decurso da mobilización, que “hai traballadores que xa tiveron que recorrer aos comedores sociais para poder alimentarse”.
25/3/15.

Naveiro lembrou que se trata dun colectivo especialmente sensíbel que traballa en centros especiais de emprego que recibe subvencións da Xunta de Galiza. Subliñou que, en concreto, o ano pasado a consellaría de Traballo e Benestar concedeu “subvencións millonarias” a COGAMI e Galega de Economía Social (GES) para que unha parte se destinara, en concreto, ao mantemento do emprego nestes centros especiais de emprego. “Uns meses máis tarde REGAKI presentaba concurso de acredores e un ERE extintivo para o conxunto do persoal”, denunciou.

Así as cousas, os 95 traballadores e traballadoras que desenvolvían a súa actividade nos quioscos levan sen cobrar desde o mes de decembro, ademais da paga extra. Unha situación que a representante da CIG-Servizos considera especialmente grave xa que estes salarios, de apenas 600€ eran os seus únicos ingresos.

A CIG-Servizos leva meses denunciando que moitos/as padecen enfermidades crónicas e non teñen nin cartos para pagar as farmacias, como tampouco para facer fronte ás facturas de auga, luz ou gas e xa hai algúns que teñen que recorrer aos comedores sociais para alimentarse.  Por iso Naveiro afirma con indignación que “a empresa COGAMi recolleu as subvencións que lle deu a Xunta para logo despedilos. Cremos que se está lucrando a custo da súa discapacidade”.

A representante da CIG-Servizos non pode entender como desde o PP se alardea de creación de emprego e de políticas sociais, cando nin a conselleira, Beatriz Mato,nin o alcalde de Santiago, Agustín Hernández,  nin o propio Presidente da Xunta tiveron a ben sequera contestar ás súas solicitudes de entrevista.