Vegalsa-Eroski despide persoal veterano a xornada completa e substitúeo por traballadores/as a tempo parcial con salario mísero
Só no que vai ano, alertaban as delegadas da CIG durante a protesta, houbo 10 despedimentos nos supermercados, que Vegalsa-Eroski pretende liquidar cunha indemnización de 20 días por ano de traballo. Aínda que boa parte destas rescisións, explican, están sendo recoñecidas como improcedentes por vía xudicial (e polo tanto con maiores indemnizacións), a empresa “dedica todos os seus esforzos” a consolidar esta política de precarización do emprego.
De feito, a empresa está a substituír a este persoal veterano a tempo completo por traballadoras e traballadores a tempo parcial, “cun salario misérrimo e pésimos horarios”.
A este respecto, a CIG-Servizos engade que á compañía (participada nun 50% polo Grupo Eroski e noutro 50% pola familia González Prieto e propietaria dos supermercados Eroski Center, Eroski City, Cash Record e Familia) non lle importa destinar importantes sumas de diñeiro para afrontar estes despedimentos improcedentes, mentres “os traballadores e traballadoras de Eroski-Familia son os/as peor pagados/as do sector”.
Comparativamente, o persoal percibe entre un 10% e 15% menos de salario que no resto de empresas e leva catro anos cos soldos conxelados, a pesar de que Vegalsa incrementa os seus beneficios exercicio tras exercicio. Ademais de ter peores condicións retributivas, as/os traballadoras/es fan a xornada anual máis elevada do sector e a máxima que permite a lei “e aínda así, a empresa obríganos a recuperar os 15 minutos do descanso”, denuncian as delegadas.
Para máis abundar, Eroski-Familia négase a estabelecer un sistema de rexistro da xornada laboral –tal e como marca a lei- para así “poder mover os horarios e non devolver as horas extras”. “Ano a ano as traballadoras e traballadores de Eroski-Familia ímonos afastando máis das condicións laborais do resto das compañeiras e compañeiras do sector”, lamentan.
E é por iso que a CIG-Servizos acordou convocar a mobilización este xoves diante do almacén loxístico “co obxectivo de denunciar os continuados despedimentos e a precarización das condicións laborais”.