Beatriz Mato provoca no Parlamento “desesperación e impotencia” no persoal de REGAKI

Definiu á empresa como “modélica” malia levar sen pagar os salarios desde o mes de decembro e ter numerosas queixas presentadas
Traballadoras e traballadores de REGAKI concentrábanse este mércores diante do Parlamento de Galiza coincidindo coa comparecencia da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, no pleno. Unha intervención que, segundo denuncian as e os representantes sindicais, provocou até tal punto “desesperación e impotencia” no persoal que unha delegada mesmo tivo que ser trasladada en ambulancia cun ataque de ansiedade e unha subida de tensión.
17/4/15.

As delegadas de persoal e asesoras da CIG-Servizos e CCOO-Ensino, que asistiron como convidadas á sesión plenaria en representación dos traballadores e as traballadoras de REGAKI, aseguran que quedaron “abraiadas” diante da intervención da conselleira, que definiu de “empresa modélica” ao grupo COGAMI en atención e servizos ás persoas con discapacidade.

Ante isto, as representantes sindicais lembran as numerosas queixas presentadas por traballadores e traballadoras do grupo COGAMI “por acoso laboral; falta de atención á Prevención de Riscos Laborais nesta empresa e falta de adaptación dos postos de traballo ás persoas con discapacidade que traballan nos kioscos”.

Xunto a isto salientan os “27 despedimentos disciplinarios realizados entre os anos 2012 e 2013, todos acusados de roubo e todos considerados improcedentes polo xulgado; as sancións aplicadas; as vexacións sufridas; os insultos; traballar sen luz a temperaturas extremas; non cobrar salarios dende vai catro meses máis paga extra de decembro…”, entre outros.

Por iso denuncian a impunidade de COGAMI e aseguran que “se as nosas sospeitas se baseaban en que este grupo de empresas tiña o beneplácito da Xunta de Galicia e as xustas reivindicacións dos traballadores e traballadoras non atopaban aliados, coas súas palabras, a Sra. Conselleira deixouno totalmente aclarado”.

Denuncian ademais que con esa intervención foi tal o grao de indefensión que percibiron as delegadas alí presentes, que unha delas tivo que ser trasladada en ambulancia a un hospital local con ataque de ansiedade e subida de tensión.

Fronte as supostas bondades empresariais salientadas pola conselleira, o persoal de COGAMI, con esa mobilización, reclamou novamente o pagamento dos salarios atrasados (levan desde o mes de decembro); a proclamación de Grupo de Empresas a COGAMI-GES; a declaración de concurso culpábel; a negociación coa representación legal dos traballadores e traballadoras; a tramitación dun proceso competitivo público e que se teñan en conta as alegacións presentadas ao xulgado do mercantil.