Os traballadores/as de Urbaser-Vilalba reivindican a recuperación no novo convenio dos dereitos sociais e salariais perdidos

O persoal realizou un paro e unha concentración para denunciar a postura totalmente intransixente da empresa na negociación
Os traballadores e traballadoras de Urbaser en Vilalba iniciaron este xoves mobilizacións para esixir á empresa (que ten a concesión do servizo de limpeza e recollida de lixo deste municipio) o desbloqueo das negociacións para o novo convenio colectivo. O persoal secundou un paro laboral de unha hora e unha concentración ás portas da Casa do Concello de Vilalba, que repetirán o vindeiro día 29.
23/4/15.

Urbaser, explica Carme Antas, da CIG-Servizos de Lugo, négase a asumir calquera das melloras nas condicións sociais e económicas propostas pola parte social, co obxecto de recuperar os dereitos perdidos no actual convenio (que rematou a súa vixencia a 31 de decembro de 2014).

Sobre isto, Antas apunta que na anterior negociación, UGT e Urbaser (logo dunha dura folga de 25 días) asinaron un convenio que para os anos 2013 e 2014 significou unha rebaixa media dos salarios do conxunto dos traballadores/as do 3,40 % anual, con respecto das retribucións que tiñan recoñecidas en 2012.

Isto supuxo unha perda de 650 €/ano para os condutores/as e peóns da quenda de noite e de 566 €/ano para os condutores/as e peóns de día. “Para o novo convenio nin sequera estamos a pedir un incremento salarial, senón recuperar o perdido nestes dous anos. Pero Urbaser mantén unha postura absolutamente intransixente e nin entrou a valorar as melloras sociais que se demandan e que non implican ningún custe para a empresa”, denuncia Antas.

Neste senso, apunta que entre outras cuestións, dende a parte social pídese un incremento dos días de asuntos propios, equiparar o tempo de vacacións ao convenio de Lugo (que ten un día máis), un complemento de baixa por IT ou o recoñecemento da ultraactividade.

Ante o bloqueo absoluto por parte de Urbaser, os/as traballadores/as (a CIG ten o 100% da representación) xa trasladaron esta situación ao alcalde de Vilalba, a quen lle presentaron tamén as demandas da parte social.

Así mesmo, a CIG ten convocado un novo paro laboral de 1 hora e outra mobilización para o vindeiro 29 de abril e, de non producírense avances na negociación, non se descarta levar adiante accións máis contundentes.