Reclaman do Concello da Coruña que garanta as condicións laborais en axuda a domicilio

A empresa Clece, que vén de gañar o contrato, está a incumprir o convenio e o prego de condicións noutros concellos
A CIG e UGT no Comité de empresa de Axuda a Domicilio do Concello da Coruña veñen de amosar publicamente a súa preocupación polo futuro deste servizo tras da adxudicación do contrato a Clece, “unha empresa caracterizada por non recoñecer os convenios colectivos”.
23/4/15.

Esta afirmación non é gratuíta, apunta, pois exemplo destes incumprimentos pódense atopar no próximo Concello de Cambre, onde a empresa ten o contrato de axuda domiciliaria e, entre outras cuestións, estalle a reducir a xornada as traballadoras e non lles paga os desprazamentos.

Con este precedente, dende a representación da CIG e UGT no Comité reclámase do Concello da Coruña que tome as medidas oportunas para que se respecte o estabelecido no Convenio Colectivo de Axuda a Domicilio e se cumpra o prego de condicións. “Pois é obriga do goberno municipal velar polo respecto das condicións laborais nos servizos públicos privatizados e que se preste un servizo de calidade á cidadanía”.

Así mesmo, CIG-Servizos e UGT queren aproveitar para reivindicar a remunicipalización do servizo de axuda a domicilio, un servizo público esencial e moi importante para a cidadanía da Coruña, especialmente no actual contexto crise e profundos recortes en todo o relacionados coa axuda á dependencia.

Neste senso, sinalan que a contrata ten un custe de 3.800.000 millóns de euros, pero de remunicipalizarse, “este custe sería inferior xa que non existiría a plusvalía para a empresa e as traballadoras terían mellores condicións laborais”. Ademais, “a recuperación da xestión directa pola administración dos servizos privatizados é unha das vías máis doadas de rematar coa corrupción e as redes clientelares xeradas ao seu redor. Pois non se pode esquecer que as grandes tramas corruptas danse con empresas que xestionan o público, e un bo exemplo diso na nosa cidade son a Operación Pokemon ou a Operación Zeta”, afirman.