Esixen a aplicación do convenio galego no servizo de Axuda a Domicilio do Concello de Vigo

Clece, a empresa concesionaria, optou unilateralmente polo estatal porque lle supón un aforro do 5% en salarios
A CIG-Servizos reclamou hoxe a aplicación do convenio galego no servizo de Axuda a Domicilio do Concello de Vigo, tal e como establece unha sentenza do TSXG e figura no prego de condicións, e denunciou que Clece, a empresa concesionaria, optou unilateralmente polo estatal porque lle supón un aforro do 5% nos salarios do persoal. A central tamén demandou ante a Inspección de Traballo que se poña fin ao que considera unha fraude á Seguridade Social xa que a empresa incorre en infracotización ao non pagar o que marca o convenio.
24/4/15.

O responsábel nacional de Negociación Colectiva da federación de Servizos, Pedro Pérez, compareceu esta mañá en rolda de prensa xunto á presidenta, secretaria e vogal do comité de Clece, María Rosa Couto, Rosa María Álvarez e Elsa Sotelino (as tres da CIG) para instar publicamente á empresa a que cumpra a sentenza e aplique o convenio galego e abone os salarios e atrasos correspondentes. Pérez indicou que mantiveron varias xuntanza coa dirección “pero aínda non hai acordo e non sabemos cando van aplicar o convenio”.

Ademais, o representante sindical amosouse moi crítico co Goberno local de Vigo e censurou que estea a ser cómplice da situación “porque cando elabora as plicas do concurso para levar a cabo a adxudicación faino de acordo co convenio galego, polo que nos atopamos que o Concello está a pagar un 5% da masa salarial que logo non chega aos traballadores/as”. Diante disto, pregúntase a onde van parar estes cartos, que cifrou en arredor de 160.000 euros anuais.

O representante da CIG relatou que o problema remóntase ao 1 de xaneiro de 20014, cando a empresa decide unilateralmente aplicar o convenio estatal de Axuda a Domicilio a pesar do acordo ao que chegara co comité (7 delegadas/os da CIG e 2 da UGT) para aplicar o galego. Até o de entón o convenio que rexía era o provincial de Hospitalización e Internamento, xa que era a Cruz Vermella a que se encargaba da xestión do servizo.

Como consecuencia, as empregadas/os atopáronse cunha perda salarial do 5%, xa que en función do novo convenio o seu soldo debera pasar de 945 a 995 euros, o que suporía un incremento de arredor de 840 euros anuais. Diante disto, presentaron unha demanda de conflito colectivo por ultractividade ante o Xulgado do Social número 3 de Vigo, que lles deu a razón. A empresa decide entón presentar recurso no TSXG, que volve ratificar a sentenza ao seu favor, “polo que o convenio de aplicación debe de ser o galego e a empresa ten que abonarlles os salarios e os atrasos”.

Fraude de lei e á Seguridade Social

Pérez tamén denunciou que a compañía incorre ademais en fraude á Seguridade Social xa que está a “infracotizar polo seu persoal, xa que non inclúe este 5% do salario, tal e como denunciamos na Inspección de Traballo, sen que teña feito nada ao respecto”. Outro dos incumprimentos que puxo enriba da mesa o representante sindical ten que ver coa cota de contratación indefinida, que o convenio fixa nun 80% a partir de xullo. “Até hai moi pouco só 88 dos 201 contratos eran baixo esta modalidade, aínda que agora fixeron 11 novos indefinidos, e había 49 en fraude de lei, xa que levaban máis de tres anos como temporais”.

Por todo isto, as afectadas/os fixan un prazo dun mes para que a empresa cumpra a sentenza, aplique o convenio e lles abone os salarios e os atrasos, xa que do contrario non descartan iniciar mobilizacións. “Somos conscientes de que se trata dun servizo especial e que serían os usuarios/as os que sufrirían as consecuencias derivadas da falta de sensibilidade dos Servizos Sociais do Concello, polo que pedimos un pouco de comprensión dos responsábeis municipais para solucionar o conflito xa que as traballadoras/es e os usuarios/as somos os que menos culpa temos”.

Reclaman do Concello da Coruña que garanta o respecto ás condicións laborais das traballadoras de axuda a domicilio