Comités de Clece do CHUS entregarán á fiscalía documentación para que investigue se hai delito nos incumprimentos da contrata

Denuncian que os incumprimentos canto a presenzas, horas e número de traballadores/as poderían traducirse até en 500.000 euros
Representantes dos comités dos hospitais Clínico, Psiquiátrico, Provincial e Gil Casares compareceron esta mañá en rolda de prensa para denunciar os incumprimentos de Clece, empresa concesionaria do servizo de limpeza, en canto a presenzas, horas e número de traballadores e traballadoras. Incumprimentos que se traducirían nuns 500.000 euros anuais que a empresa se tería embolsado nestes catro anos, segundo o estudo realizado polos comités, que farán chegar á fiscalía para que esta investigue se hai ou non delito.
27/4/15.

En representación dos comités o secretario comarcal da CIG de Compostela, Anxo Noceda, explicou que a contrata do servizo de limpeza destes hospitais foi adxudicada a Clece en 2011, que subscribiu coa Xerencia do CHUS un compromiso que implicaba un determinado número de presenzas, isto é un determinado número de persoas que tiña que haber nos distintos departamentos para desenvolver o traballo previsto.

“Á vista da carga de traballo que había, consideramos que había menos persoas das necesarias e solicitamos os anexos relativos a esas presenzas “, explicou Noceda quen indicou que malia iso, non lles foron entregadas.

Isto obrigou aos comités, en xullo de 2014, a requirir da Inspección unha valoración sobre ese exceso de carga de traballo e información relativa ás presenzas previstas no contrato entre Clece e a Xerencia do CHUS. “A Inspección emitiu un informe a finais de xaneiro deste ano, no que exixe á empresa que no prazo máximo de 7 días nos faga chegar os anexos referidos a esas presenzas, pero a día de hoxe aínda non nos foron entregados”.

Isto obrigou a solicitar esa documentación da propia Inspección e do seu estudo os comités conclúen que “non hai un só hospital onde se cumpran as presenzas previstas. As variacións, dependendo das quendas e dos centros de traballo, poden oscilar entre unha e dúas persoas nuns, até catro persoas diarias noutros”, afirma Noceda.

Xunto a isto descobren tamén que nesa oferta estaba prevista a existencia dun retén de 15 persoas para o conxunto dos catro hospitais, que aparece definido nos anexos como “número de traballadores/as para cubrir incidencias diarias, de retén ofertadas de forma independente do cadro de persoal de quendas para cubrir incidencias diarias de luns a venres, como ausencias, permisos, primeiro e segundo día de baixa por enfermidade  limpezas especiais e que se ten que ofertar de forma permanente ao longo do ano”.

Un retén que segundo Noceda “ninguén viu nestes catro anos”, que non aparece en ningún dos cuadrantes e que tampouco figura en ningunha das ordes diarias que recibe o persoal.

Fronte a isto, o secretario comarcal da CIG de Compostela denunciou a exixencia ao persoal de realizar traballos que non aparecen en ningún punto da oferta; que as ausencias imprevistas non se cobren; as baixas,” de milagre, cóbrense ao décimo día e as vacacións, desta oferta de presenzas, teriamos que deducir que terían que estar cubertas ao 100%, cousa que non ocorreu nestes catro anos”, afirmou.

Sen control por parte do CHUS

Anxo Noceda denunciou que malia esta situación non houbo control algún por parte do CHUS respecto do cumprimento da oferta da empresa adxudicataria. “O único que se está controlando é o que se limpa e como, en absoluto se as presenzas se corresponden co que tiña que ser e moito menos se existe ese retén”.  Ao seu entender, de se ter feito un mínimo control terían que ter detectado esta situación.

Porén, eses incumprimentos en canto a presenzas non se traducen unicamente nunha maior carga de traballo para o persoal. “Traducido en números, as presenzas inferiores ás previstas suporían 150.000 euros anuais; a non existencia do retén -15 traballadores/es-, 300.000 euros/ano e a cuantificación dos traballos a maiores, suporía aproximadamente 200.000 euros”.

Diante disto os comités solicitaron unha xuntanza tripartita: comités, xerencia e empresa cunha resposta que Noceda cualificou como practicamente nula. “A empresa (Clece) intentou montar unha reunión con catro horas de antelación que foi imposíbel celebrar e por parte da xerencia ningunha reunión. Tan só unha contestación por escrito o pasado venres, máis de 15 días despois  de ter solicitado a reunión, na que se limitan a lembrar o que pon o prego de condicións e,  sen explicar a que período e por que, que sancionaron a  Clece con 600.000 euros”.

Ante estas respostas os comités acordaron que pór ao dispor da Fiscalía toda a documentación que obra no seu poder, desde o estudo realizado, até os anexos ou o informe de presenzas, cuadrantes e ordes de traballo, “para que sexa esta quen indague se existe ou non irregularidades e de existir que cualifique os delitos e obre en consecuencia”.