A CIG require novamente á Xerencia do CHUS toda a documentación relativa á “suposta” sanción a CLECE

Séguese agardando polas explicacións tanto da administración como da empresa
A CIG-Compostela –que ostenta as presidencias dos comités de CLECE- reclama do Sergas que se entregue aos comités toda a documentación relativa á sanción que, segundo a administración, se impuxo a Clece, empresa concesionaria do servizo de limpeza dos hospitais do CHUS (Clínico, Gil Casares, Psiquiátrico e Provincial).
29/4/15.

A CIG fai esta solicitude diante das informacións aparecidas no dia de hoxe en algún medio de comunicación e lembra que o escrito da Xerencia xa foi contestado en rolda de prensa. Xunto a isto, Anxo Noceda, secretario comarcal da CIG de Compostela ,lembra que ese é precisamente o escrito que remitiu a Xerencia o venres 24 -15 días despois de pedirlle unha xuntanza tripartita- e que non di nada xa que “só é un corta-pega do prego e ao final de todo un cadriño no que poñen o dos 600.000 euros”.

Noceda considera que este escrito “non clarifica” en concepto de que se impón esa sanción de 600.000€ á empresa concesionaria “nin a que ano se corresponden, nin a que centro/s, nin se é por déficit de presenzas, de limpeza, por facer traballo a maiores ou polo retén”.

Ao seu entender, por non xustificar nin xustifican esa suposta retención de cartos a CLECE. “Pero é que de cara ás traballadoras/es de pouco lles serve que (de ser certo) lle reduzan contías económicas a CLECE, se por outro lado non lle obrigan a cumprir as presenzas”, asegura o secretario comarcal da CIG de Compostela.

Moi á contra, entende que porén, “se non acompañan unha cousa da outra, o único que fan e contribuír a que Clece aínda explote máis aos/as traballadores/as o que, aparentemente, podería confirmar a connivencia da Xerencia con Clece”.

Ante isto, Noceda exixe que “se é certa esa sanción a Clece “se lle entregue aos Comités toda a documentación oficial referente ao tema (a que se debe, en que centros, que ano/s, xustificantes da retención, etc.)”. Subliña ademais que se alguén quere falar de transparencia “ten que demostrala e non pode pór cortapisas a esta petición”.

A CIG reitera que tal e como acordaron os comités que toda a documentación que obra no seu poder remitirase á fiscalía ao tempo que lembra á xerencia que, de querer aclara a actual situación o ámbito era a xuntanza tripartita solicitada hai case un mes. Do mesmo xeito demanda da Xerencia que exixa publicamente a Clece o estrito e inmediato cumprimento das presenzas ofertadas no anterior concurso, incluído o retén de 15 persoas. “Non teñen que falar por medio da prensa, con quen teñen que falar é cos comités”.

Noceda pon en cuestión tamén que neste contexto se estea a falar do novo concurso sen solucionarse previamente os posíbeis incumprimentos do anterior. “Non hai nada neste novo concurso que garanta que non se poida reproducir esta situación”, di e engade ante isto que “demandamos da Xerencia que xa, de inmediato, se comprometa a publicitar no perfil do contratante a integridade das ofertas que realicen ás empresa así como o contrato asinado coa/s que finalmente resulten adxudicataria/as”.