Traballadoras de Los Telares, sen cobrar e sen ocupación porque non se aprovisiona as tendas
“Los Telares” é o nome comercial da empresa Julián Rus Canibaño, con domicilio en Avilés e estabelecementos por todo o Estado. Na comarca existen dúas tendas desta compañía, unha no centro comercial Espacio Coruña e outra na Praza do Emigrante de Betanzos. Porén, a empresa ten comercios abertos nas sete cidades galegas e en varias localidades.
As condicións laborais, explican dende a CIG-Servizos, véñense deteriorando dende que hai tres anos a empresa comezou a abonar fóra de prazo as nóminas e a fraccionar o pago das mesmas en 2 prazos: un ingrésase nos 5 primeiros días do mes vencido e o outro entre os días 15 e 20 do mes vencido.
A día de hoxe, as traballadoras teñen pendente de recibir dúas pagas extraordinarias e a mensualidade de abril, ao non percibir ningún dos prazos acostumados pola empresa.
Estes atrasos ocasionan graves prexuízos económicos ás traballadoras, xa que, a diferenza do que fai a empresa, non poden adiar o pago das facturas, hipotecas, alugueiros ou os gastos correntes mensuais.
Xunto a isto, dende o pasado mes de decembro, a empresa non aprovisiona os centros de traballo de material para atender minimamente a demanda do negocio, non dispoñendo as tendas de produto para vender as/os clientes. Deste xeito, as traballadoras están sen actividade e sen ocupación efectiva, producíndose ademais unha baixada considerábel da clientela e que as vendas sexan mínimas.
A CIG-Servizos ten constancia, polo Comité de empresa de Avilés, que esta situación non se dá só nos estabelecementos da área da Coruña, senón que se repite, cando menos, nas tendas de “Los Telares” en Galiza e Asturias. De feito, en Avilés xa se están a realizar mobilizacións contra estes incumprimentos.
As traballadoras afectadas contan cunha antigüidade na empresa de até 20 anos, o que fai sospeitar á central sindical que o obxectivo da compañía é provocar perdas e facer inviábel o negocio para xustificar deste xeito un posíbel despedimento obxectivo ou de recorte de persoal, co mínimo custe.
Estes incumprimentos xa foron denunciados diante da Inspección de Traballo da Coruña, á que se lle demanda que controle a ocupación, para que se dote de material as tendas e se poida así levar a cabo unha actividade normal.