Preséntanse no CHUS novas empresas de limpeza sen terse publicado a resolución do concurso

A CIG-Compostela denuncia a falta de transparencia da Xerencia do complexo hospitalario no relativo a este procedemento
A CIG-Compostela considera rechamante que cando aínda non se fixo pública a adxudicación do concurso do servizo de limpeza do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) xa haxa representantes de dúas empresas presentándose en dous dos catro hospitais como novas concesionarias do servizo.
13/11/15.

Segundo explica o secretario comarcal da CIG de Compostela, Anxo Noceda, hoxe mesmo, ás 11:30 horas, aínda non había ningunha información referida á adxudicación da contrata do servizo de limpeza dos hospitais, no perfil de contratante. Porén, sinala que “pola información que nos trasladan as traballadores e traballadores puidemos constatar que xa onte nun dos hospitais e hoxe, antes das dez da mañá, noutro, presentáronse representantes de dúas empresas preguntando polos encargados/as”.

Noceda explica que a curiosidade dos traballadores/as levou a preguntarlles quen eran, obtendo como resposta que eran representantes das novas adxudicatarias deste servizo de limpeza. “Cómpre salientar que hai aproximadamente unha semana, na xuntanza entre representantes dos comités deste servizo e da Xerencia, preguntouse por esta cuestión e como única resposta obtivemos que o concurso non se resolvería ata, como moi pronto, o 1 de decembro” lembra.

O secretario comarcal da CIG-Compostela cualifica esta situación como “cando menos, rechamante” e sinala que isto “vense a sumar a prácticas que pouco ou nada teñen que ver coas mínimas demandas de transparencia, xa que, por exemplo, en todo este proceso de adxudicación, por parte da Xerencia do CHUS, non se colgou no perfil do contratante nin acta da xuntanza da Mesa B, nin da Mesa C, celebrada, a última delas, a finais do mes de agosto”.

Para o secretario comarcal da CIG de Compostela esta situación “choca coa práctica habitual doutras administracións”, entre as que sinala a propia Xunta de Galiza ou a USC, “que no teñen ningún tipo de problema por colgar, no seu perfil de contratantes, as actas das mesas”.

Lembra que xa no mes de xuño, por parte dos comités de empresa, procedeuse a rexistrar perante a Fiscalía un escrito no que se puñan en coñecemento desta, presuntas irregularidades na contrata vixente, ao que sabemos, até o día de hoxe.

A CIG agarda que se explique de inmediato o que está ocorrendo e se aclare se efectivamente estas empresas son as novas adxudicatarias ou non e “de non producirse estas ou non ser realmente aclaratorias, a central sindical valorará, se legalmente procede, demandar a nulidade do concurso”, afirma Noceda.