Transi Fernández, elixida nova secretaria nacional no VII Congreso da CIG-Servizos

“Cando hai conflito, conseguimos máis avances nos convenios”
A federación de Servizos da CIG celebrou na mañá deste sábado o seu VII Congreso baixo o lema “Unha nación, unha clase, un sindicato”. Transi Fernández, até o de agora secretaria comarcal da federación en Vigo, foi elixida secretaria nacional con 145 votos a favor, 15 brancos e 5 nulos, substituíndo no cargo a Paulo Rubido. Unha única candidatura concorreu á secretaría nacional, ao igual que para a Executiva e o Consello Confederal.
21/10/17.

A nova Executiva federal foi ratificada con 158 votos, 4 brancos e 3 nulos e está conformada por:

Mª do Tránsito Fernández Fernández

Roberto Alonso Iglesias

Pedro Pérez Caride

Carme Antas Pérez

Carmiña Naveiro Bueno

Xiana Arias Melón

Jorge Gesto Pan

Maria López Alejos

Mario Díaz Bustamante

A candidatura ao Consello Confederal recibiu 159 votos, con 3 brancos e 3 nulos. Deste xeito representarán á federación neste organismo:

Mª do Tránsito Fernández Fernández

Roberto Alonso Iglesias

Pedro Pérez Caride

Asunción Castiñeira Fernández

Tomás Gonzalo Vaamonde

Carlos Vázquez Castro

Borxa González Castro

Mª Dolores Rodríguez Vázquez

Ana Meijide González

Cristina Martínez Padín

Antón Álvarez Merayo

A recén eleita secretaria nacional, Transi Fernández fixo especial fincapé na importancia da Organización, na necesidade de mellorar a coordinación e estruturar a federación en todas as comarcas. Por iso insistiu na necesidade de aprender a ter métodos de traballo axeitados para facer mellor o traballo e apostou por celebrar xuntanzas periódicas cos liberados/as para marcar conxuntamente tanto eses métodos de traballo como os obxectivos.

Lembrou que o sector servizos é o que sofre en maior medida a precariedade, sobre todo nos sectores de perruquerías, limpeza, hostalería e comercio, porque “son sectores nos que hai máis xornadas a tempo parcial e nos que o abuso é continuo” e apostou por combatela intentando facer convenios galegos “non só porque somos un sindicato nacionalista senón tamén para loitar todos/as polo mesmo nas catro provincias”.

Nese sentido subliñou a importancia da mobilización entendendo que “cando hai conflito, conseguimos máis avances”e subliñou a solidariedade de clase como un elemento esencial “para enfrontar, non só os conflitos puntais que poidan xurdir, senón tamén para apoiar ás compañeiras e compañeiros doutros sectores”. De feito, asegurou, “onde hai conflito melloramos o convenio, conseguimos máis representación e incrementamos a afiliación”.

Por iso salientou o valor da caixa de resistencia –á que considerou que non se lle dá toda a importancia que ten- como unha ferramenta clave para manter eses conflitos e mellor enfrontar as presións das patronais.

Afiliación

Transi Fernández lembrou que a CIG-Servizos xa é a a primeira federación en afiliación e en número de delegados/as, tanto dentro da central sindical, como respecto do resto de sindicatos. En todo caso, fixo un chamamento a seguir traballando nesta cuestión para continuar incrementando esa afiliación e a representatividade nas eleccións sindicais porque diso depende “ter representación nas mesas de negociación e ter representación nos comités de empresa para evitar que a minoría que representan CCOO e UGT asinen convenios coas patronais contra os intereses das traballadoras e traballadores”.

Papel da muller na CIG

A secretaria nacional da federación de Servizos salientou tamén o papel da muller na federación, non só por ser este un sector moi feminizado, senón tamén porque “temos xa 5 compañeiras que son secretarias comarcais” e valorou positivamente que se reflicta en cargos de dirección ese peso que ten no conxunto do sector”.

Xunto a isto denunciou a discriminación contractual, salarial, sectorial e sexual que sofren as mulleres traballadoras, nomeadamente no sector Servizos e avogou por solucionar os problemas que hoxe existen en materia de conciliación.

Rematou a súa intervención facendo un chamamento a participar masivamente na manifestación convocada para mañá domingo en Compostela contra a Lei de Depredación e contra a xestión da Xunta da vaga de lumes forestais que asolaron o país a pasada fin de semana.

Ao rematar a súa intervención, a secretaria nacional da CIG-Servizos, quixo facer un recoñecemento expreso do VII Congreso ao que até hoxe foi o seu secretario nacional, Paulo Rubido. No seu nome agradeceulle o traballo realizado á fronte da federación nestes últimos 12 anos.

Ademais, en representación da nova Executiva, fixo entrega dun agasallo tras do que todas as delegadas e delegados se puxeron en pé e deron un caloroso aplauso ao compañeiro que forma agora parte, desde que se celebrou o VII Congreso confederal, da Executiva da central sindical.

Carril denuncia o servilismo do goberno galego e nomeadamente do Presidente da Xunta

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que acompañou á recén eleita secretaria nacional no acto de clausura, comezou a intervención manifestando a súa dobre satisfacción por estar neste Congreso saudando á nova dirección electa mais, sobre todo, pola elección dunha muller –da que salientou a súa longa traxectoria na central sindical- para asumir a máxima representatividade da federación.

Xunto a isto manifestou tamén a súa satisfacción por transmitir, en nome da Executiva Confederal e no seu propio, o recoñecemento ao “labor desenvolvido, compromiso e entrega á central sindical durante todos este anos ” do secretario nacional saínte, Paulo Rubido, que recibiu unha longa ovación de todas e todos os congresistas.

Carril sinalou tamén que con este congreso se ultima o ideario programático e as novas liñas de traballo acordadas no Congreso confederal e que teñen como obxectivo “facer unha CIG máis forte, nunha clara aposta porque a clase obreira galega nos dotemos de forzas, de organización e de máis capacidade de loita para avanzar”.

Denunciou os ataques que está a padecer a clase traballadora galega so pretexto da crise, que se está utilizando para afondar no modelo neoliberal, ao tempo que se concentra a riqueza en cada vez menos mans e se avanza cara un proceso de recentralización no Estado español.

Por iso, o secretario xeral da CIG, denunciou tamén o papel de Feixóo, do que dixo que “renega da condición de galego”, polo seu servilismo ante Madrid e a UE e a súa incapacidade para levar adiante iniciativas que permitan o desenvolvemento económico e social de Galiza. Lonxe diso asegurou que as políticas impostas polo goberno do PP só serviron para recortar dereitos e destruír o noso tecido produtivo.

Nese sentido subliñou leis como a de Saúde de Galiza, que vai afondar nunha maior privatización da sanidade pública ou a Lei de Fomento Empresarial, aprobada esta mesma semana, que consagra o espolio do país e que favorece unha política forestal de eucaliptización ao servizo de Ence, da que xa vimos os seus efectos a fin de semana pasada. “A catástrofe dos lumes demostra até que punto son nocivas as políticas de abanono do rural”, engadiu.

Catalunya

Carril manifestou tamén o seu rexeitamento pola posición do goberno galego e, nomeadamente do seu Presidente, respecto do proceso catalán, por terse sumado á “defensa irracional, violenta e represora da Constitución do 78 e dun réxime podre e corrupto” e asegurou que “un presidente galego debería aspirar a conseguir para o seu país o recoñecemento dos dereitos que como nación nos corresponden, para termos un futuro con dignidade e xustiza social”.

O secretario xeral da CIG concluíu facendo un chamamento a combater e derrotar as reformas laborais, nos centros de  traballo e na rúa, para recuperar os dereitos laborais e sociais roubados, derrogar as reformas da negociación colectiva e recuperar salarios, dando así resposta á “lacra” do modelo sindical “de pacto social”. Un combate que entende que se debe construír “en cada loita e conflito concreto” co obxectivo de acadar “unha Galiza ceibe e sen explotación, unha Galiza ceibe e socialista”.

Longa noite de pedra

No decurso do Congreso aprobáronse tamén os relatorios de Estatutos, Organización e Acción Sindical, ademais do Informe de Xestión da Executiva saínte.

Paulo Rubido foi o encargado de dar lectura ao Informe de Xestión, que foi aprobado con 158 votos a favor, ningún en contra e unha abstención. O aínda secretario nacional comezou lembrando a “longa noite de pedra” vivida nestes anos e o “estado de shock” no que se iniciou a andaina desde o anterior Congreso da CIG-Servizos “pola brutalidade da reforma laboral e a perda de dereitos individuais e colectivos”.

Unha situación á que “o contexto político –con gobernos do PP en galiza e no goberno do Estado-  non axudou nada” e que con condicionou a acción sindical, provocando que mesmo se chegara a “calar a boca moitas veces nas empresas por medo a un ERE, a unha modificación substancial colectiva ou a un descolgue salarial”, dixo.

Con todo sinalou que, a partir de aí –e no caso concreto  da CIG-Servizos, tras da experiencia da folga de Urbaser, que sinalou como “un exemplo de unidade e resistencia”-, houbo unha adaptación ao novo escenario laboral e “iniciamos unha fase de tímidos avances, nun principio, pero que nos fan pensar con menos medo e máis atrevemento”.

Primeira forza sindical en Galiza

De feito foi a actuación da CIG a que permitiu, tal e como salientou Rubido, que hoxe, “por primeira vez na nosa historia, sexamos primeira forza sindical en Galiza, superando á UGT en 30 delegados e delegadas, e o mellor é que cunha tendencia clara á incrementar a nos diferenza con eles”.

ais tamén salientou que ademais “por primeira vez na nosa historia, o noso resultado –o da CIG-Servizos- é mellor que o da CIG a nivel confederal”. Así subliñou que “somos primeira forza en cinco comarcas e segunda forza nas outras dúas, relegando a CCOO a terceira forza sindical en todas as comarcas. Son uns excelentes resultados”.

Afiliación

Ao mesmo tempo sinalou que a CIG-Servizos non só foi quen de parar a perda de afiliación, senón que foi capaces de remontar en 1000 persoas a afiliación neste último ano. Por iso concluíu que “somos a federación máis grande da CIG, e sen dúbida a que máis medra. Queda máis que en evidencia, que mellorando e coordinando a actuación nacional, podemos ser unha auténtica referencia para o conxunto da Central sindical”.

Ver galeria de imaxes