Convocada folga provincial en Bershka de Pontevedra para reclamar melloras pactadas noutras provincias

O comité pretende rematar coa discriminación de parte do persoal
O comité de empresa de Bershka na provincia de Pontevedra (cinco delegadas da CIG) anunciou hoxe a convocatoria de folga indefinida a partir deste xoves 26 en todos os establecementos da cadea pertencente ao grupo téxtil Inditex para reclamar a equiparación laboral co resto de compañeiras/as doutras provincias. En concreto, demandan melloras an materia de xornada, pluses e retribucións, permisos e excedencias, lactancia, vacacións e incapacidade permanente para rematar coa discriminación de parte do persoal.
23/10/17.

Segundo anunciou a representación do cadro de persoal, que compareceu en rolda de prensa esta mañá en Vigo xunto á secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, e a secretaria comarcal da federación en Pontevedra, Diana Rodríguez, a folga indefinida dará comezo a partir das 7:00 horas deste xoves 26 e afectará aos cinco establecementos de Bershka na provincia (tres en Vigo, un en Pontevedra e outro en Vilagarcía). En total, están chamadas/os ao paro 65 traballadoras/es.

A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernádez, explicou que decidiron adoptar esta medida de presión despois de que Bershka se negase, ao igual que Kiddy's Class, a equiparar laboralmente ao persoal pontevedrés co da provincia de Pontevedra. “Pedímoslle unha xuntanza a Inditex para negociar unhas condicións a nivel nacional, e accederon a facelo cadea por cadea unha vez que as traballadoras/es levaron a cabo mobilizacións; en case todas chegamos a un acordo, menos no caso de Bershka e Kiddy's Class, polo que non descartamos convocar protestas proximamente tamén na marca de roupa infantil”.

Entre os aspectos que o persoal de Bershka pretende mellorar salientan cuestións relativas á xornada laboral, pluses e retribucións, permisos e excedencias, lactancia, vacacións e incapacidade permanente. En canto á xornada, reclaman a consolidación en aumento de xornada do 15% do total das horas complementarias feitas cada ano no conxunto da provincia, asignando este aumento por criterio de antigüidade; un sábado libre ao mes e un máximo de tres peches semanais para todo o persoal (co obxectivo de rematar coa discriminación que sofren as empregadas/os con contrato a tempo parcial); e establecer unha pausa para o café de 10 minutos diarios, a maiores dos descansos recollidos na lei.

Pluses, permisos e incapacidade

No que respecta a pluses e retribucións, o comité pretende fixar un plus de 80 euros ao mes para todas as xornadas, en 16 pagas, e revisábel o 1,5% anual; establecer outro plus de empresa de 50% euros mensuais para a xornada máxima, mentres que o resto de xornadas ingresarían a cantidade proporcional (tamén sería en 16 pagas e revisábal ao 1,5%); marcar un incentivo do 1,6% para as encargadas/os, o que suporía un recoñecemento da responsabilidade que desenvolven na tenda, cunha porcentaxe da venda tal e como perciben as primeiras e segundas encargadas/os; un abono de 90 euros na nómina de setembro en concepto de axuda escolar; e un pago de 150 euros por nacemento ou adopción de fillo/a.

No referente a permisos e excedencias, as relamacións pasan por introducir un permiso non retribuído, de 15 días a tres meses, para traballadoras/es con antigüidade mínima dun ano na empresa; e excedencia voluntaria con reserva do posto de traballo durante o primeiro ano de duración da mesma. En canto á lactancia, a intención é establecer o dereito a 35 días naturais para as traballadoras con xornadas de 40 horas semanais e a 39 para as de xornadas de 27 a 30 horas. En materia de vacacións, a petición pasa por garantir 14 días entre xullo e agosto para todo o persoal.

Por último, no que ten que ver coa incapacidade permanente, o comité quere que sexa posíbel revisar a situación de incapacidade en calquera dos graos por melloría ou curación, tendo dereito o traballador/a nesta situación a reincorporarse á empresa sempre que esta revisión se produza dentro dos tres anos seguintes á extinción da vida laboral.