Novena xornada de folga en Bershka: "Non nos moverán, queremos traballar en igualdade salarial"

O cadro de persoal volveuse mobilizar diante da sede central do grupo Inditex en Arteixo
As traballadoras/es das tendas Bershka da provincia de Pontevedra cumpriron hoxe o noveno día de folga consecutiva para esixir que se equiparen as súas condicións laborais e salariais coas que se aplican nas tendas da firma doutras provincias. Unha xornada máis, o persoal secundou a folga ao 100%, polo que as tendas de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía permanecen pechadas. Para as catro e media desta tarde esta convocada unha xuntanza coa empresa en Arteixo, a onde as traballadoras volveron levar este venres as súas demandas.
03/11/17.

A reunión coa empresa chegou a consecuencia da mobilización que as traballadoras desenvolveron este mediodía diante da sede central de Inditex en Arteixo. "Nada mais chegar xa nos chamaron para manter unha reunión esta mesma tarde", apuntaba a secretaria nacional de CIG-Servizos, Transi Fernández, quen agarda que nesta ocasión se poida avanzar no conflito e chegar a un acordo satisfactorio.

ección de solidariedade e fortaleza

Sobre o desenvolvemento da folga, Fernández destacou a forza e a valentía destas traballadoras. "É un orgullo estar ao lado destas compañeiras extraordinarias. Están dando unha lección de solidariedade e fortaleza que non tiveron moitas persoas en Inditex", apuntou en relación ao feito de ser esta a primeira folga que se efectiviza no grupo empresarial en todo o Estado español.

"Algunha vez tiña que ser a primeira e comezamos en Pontevedra pedindo algo digno: gozar das mesmas condicións que teñen recoñecidas as traballadoras/es da provincia da Coruña", explicou.

Encontro "frustrante"

Neste senso, lembrou que na reunión celebrada o pasado martes coa empresa -tamén xurdida a raíz dunha mobilización diante das instalacións de Arteixo- existía unha diferenza salarial cativa, que a empresa foi incapaz de salvar. "Resulta frustrante ver como puxemos todo da nosa parte para desbloquear a situación de folga e chegar a un acordo e que a única resposta de Inditex foi que nos ían dar 10 euros, en lugar dos 50 euros que teñen recoñecidos nos acordos da Coruña", subliñou.

Unha cantidade económica que, ademais, vai prorrateada en función da xornada de cada traballadora, e que suporía un gasto total de 15.000 euros ao ano; contía miúda para unha empresa que vén de facer un reparto millonario de beneficios entre os seus accionistas, dos que Amancio Ortega ingresou 628 millóns de euros.

As reivindicacións tamén van moi enfocadas ao persoal a tempo parcial (a maioría dos contratos nas tendas son nesta modalidade) e a lograr melloras laborais relativas á conciliación, permisos e excedencias, etc.