Persoal da seguridade privada maniféstase por un convenio que remate coa precariedade no sector

Este mércores hai mesa en Madrid na que previsibelmente se asinará un preacordo "de retroceso"
Traballadores e traballadoras da seguridade privada manifestáronse este martes polas rúas da Coruña en rexeitamento ao preacordo para o convenio colectivo estatal que, previsibelmente, se asinará mañá en Madrid entre a patronal Aprosec e as centrais sindicais UGT, CCOO e USO. Isto suporá manter a perda de dereitos salariais e laborais que vén padecendo o persoal dun sector que en Galiza ocupa a unhas 2.500 persoas.
07/11/17.

Ao berro de "Aprosec non quere pagar, quere precarizar" ou "convenios aquí e non en Madrid", as e os traballadores marcharon dende a Delegación do Goberno até a Subdelegación para esixir un convenio digno que garanta a recuperación da capacidade adquisitiva perdida na última década, e que a CIG-Servizos calcula nun 9%, xa que á conxelación dos soldos, hai que sumar a redución dos complementos de nocturnidade e festividade e a desaparición dos pluses de vestiario e transporte.

Neste senso, Roberto Alonso, secretario comarcal da CIG-Servizos de Compostela, sinalaba que o incremento salarial proposto pola patronal para este convenio resulta totalmente inasumíbel "porque non é unha proposta de recuperación nin de avance". Denuncia que para 2017, Aprosec ofrece un 0% de suba salarial "cando o IPC xa bordea o 2%, mentres que para 2018 e 2019 propoñen un incremento do 2%, sen cláusula de revisión a IPC".

Nesa oferta patronal, engade, tampouco se dá resposta á problemática do cómputo dos permisos retribuídos, os asuntos propios, os calendarios laborais ou ao abono das horas/mes a realizar polo artigo 41. Así mesmo, tampouco se contempla nada a respecto do descanso anual compensatorio.  Fronte a isto, dende a CIG demándase, entre outras melloras, unha rebaixa da xornada e que se faciliten medidas para a conciliación familiar e laboral, "dado que este é un sector que traballa 24 horas, de luns a domingo e festivos".

Alonso criticou que as centrais estatais asuman convenio tras convenio a perda de dereitos para os traballadores/as da seguridade privada, polo que pulou por ir á negociación dun convenio galego. "Dende a CIG levamos anos reivindicando unha mesa de negociación aquí, para que os traballadores e traballadoras galegas poidan decidir as súas condicións, e non que decidan en Madrid por nós, sen transparencia, sen información e sen someter as propostas ás asembleas do persoal", aseverou.