Persoal de limpeza do Hospital Clínico denuncia na Xunta os incumprimentos de Grupo Norte

O Consello de Contas apunta que a xestión pública garantiría maior eficiencia ao menor custe
Persoal do servizo de limpeza do Hospital Clínico concentrouse esta mañá diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza para denunciar os incumprimentos do convenio colectivo e dos acordos en sede AGA por parte da nova empresa adxudicataria Grupo Norte. Xunto a isto denunciaron os incumprimentos por parte da adxudicataria da súa propia oferta de licitación, canto ao número mínimo de persoal diario ofertado. Unha situación agravada ao negarse a subrogar ao 100% do cadro de persoal que se dá “co coñecemento cómplice do CHUS que a día de hoxe non adoptou medida algunha”.
18/1/18.

No decurso da concentración, convocada polo comité de empresa, fíxose entrega no rexistro dun escrito dirixido tanto ao Presidente da Xunta como á conselleira de Sanidade.

No mesmo asegúrase que Grupo Norte, desde que se fixo cargo deste servizo vén incumprindo diferentes aspectos do Convenio Colectivo en vigor, así como diferentes Acordos existentes neste centro de traballo.

Entre outros, sinalan a negativa ao pleno recoñecemento, goce e aboamento dos días de libre disposición; o recoñecemento e posta en funcionamento dos Acordos subscritos en sede do Consello Galego de Relacións Laborais referidos a Licencias Retribuídas e constitución e desenvolvemento da Bolsa de Emprego, ademais da non subrogación do 100% do persoal, o que na practica supón despedimento de persoal.

Lembran que xa o pasado dia 14 de decembro o Comité de Empresa mantivo unha xuntanza con dúas representantes da Xerencia do CHUS na que se lles trasladaron as preocupacións e incumprimentos da nova adxudicataria que manifestaron a súa sorpresa por esta situación e se comprometeron a trasladala á dirección de Grupo Norte  para procurar unha solución.

Denuncian que, porén, non se avanzou en solución algunha por parte da empresa e advirten de que dos graves incumprimentos da legalidade vixente tamén é responsábel subsidiaria, segundo a normativa legal a administración responsábel do servizo contratado.

Incumprimento da oferta técnica da propia empresa

Grupo Norte, tamén está a incumprir os termos da oferta técnica realizada pola propia Empresa no proceso de Concurso desta contrata administrativa, que foi a que lle posibilitou obter a mellor das puntuacións neste apartado de todas as Empresas que concorreron. “Este feito, entendemos, que é de tal gravidade que nos cuadrantes e planillas de traballo do presente mes de xaneiro nin tan sequera esta cumprindo coas horas de presenza que ofertaron as empresas con peor puntuación en dita oferta técnica”, denuncian.

Recuperación da contrata

O Consello de Contas ten emitido un informe referido ás contratas de limpeza no que se sinala a existencia de “criterios xenéricos e imprecisos” para optar por unha ou outra empresa en procesos de contratación nos que Sanidade presenta orzamentos de licitación que "non sempre son realistas" nin "obxectivamente ponderados para facer fronte a unha idónea cobertura do servizo", engadindo que malia ser "idéntica a natureza do servizo, os criterios de adxudicación e a súa ponderación (...) son heteroxéneos, non constando a oportuna motivación en canto a súa elección”.

Continúa, o Consello de Contas, dicindo que a estas axustadas ofertas as empresas adoitan responder con "ofertas dificilmente viábeis e cun custe dificilmente asumíbel" que mesmo están "por debaixo dos teóricos custes de persoal previsíbeis", para máis adiante afirmar que se as empresas cumpriran estas regras de xogo non só non gañarían nada con estes contratos, senón que "en determinados supostos", perderían cartos.

Afirma que o resultado non é outro que un panorama de, din,  "inevitábeis incumprimentos", que tampouco son tratados e sancionados de igual maneira en todo el Sergas, senón, e cando se fai, con procedementos "diferentes" en cada centro.

Revisar as condicións

Por estas e outras deficiencias o Consello de Contas considera que "procede revisar as condicións nas que se vén desenvolvendo o servizo de limpeza nos centros sanitarios da rede do Sergas", comezando por "avaliar a mellor fórmula de xestión", pública ou privada.

Ao tempo apunta que os custes da xestión directa (pública) serían menores e de maior calidade que a actual privatización, salientando que se trata de "garantir a maior eficiencia ao menor custe", mais tamén "unha maior calidade na prestación do servizo, aplicando no seu caso as penalizacións que procedan".

Neste sentido o Consello de Contas deixa entrever que unha das alternativas para acadar unha maior calidade na prestación do servizo e garantir a maior eficiencia do mesmo sería o, chamado, rescate de servizos destas características.

O comité sinala tamén no escrito que “boa parte das practicas e actuación que aquí trasladamos mesmo poderían ser tipificados como actos delitivos”.