O Concello de Lugo acorda intervir a concesión do servizo de recollida de lixo a Urbaser

A CIG agarda que esta decisión obrigue á empresa a retomar as negociacións
O concello de Lugo vén de comunicar aos representantes dos traballadores/as de Urbaser de Lugo a súa decisión de intervir a concesión. Segundo informa Antonio Niño, secretario comarcal da CIG de Lugo, que participou na xuntanza que se acaba de celebrar co alcalde, o concello dálle á empresa un prazo de 48 horas para resolver a situación, do contrario perdería a concesión.
11/7/14.

Niño explica que de se superar ese prazo de 48 horas, o concello pasaría a subcontratar a Tragsa mentres non se solucionara o conflito ou seguiríase co expediente de caducidade até a nova licitación do servizo.

O secretario comarcal da CIG de Lugo sinala que, con todo, os servizos técnicos e xurídicos do concello, aínda están estudando se Tragsa podería facer uso dos medios materiais e humanos de Urbaser.

O persoal de Urbaser, que acaba de coñecer a noticia, agarda que este anuncio “force un acordo e faga que a empresa reconsidere a súa posición, retomando as negociacións de forma urxente”.

En todo caso, o secretario comarcal da CIG de Lugo afirma que, neste mesmo intre, a empresa comezou a sacar da nave e das oficinas mobiliario e documentación, o que dá a impresión de que estarían dando por perdida a concesión.