Convocan folga indefinida na recollida do lixo de Nigrán para denunciar que Cespa precariza o emprego

Dende a CIG-Servizos explican que a concesionaria modificou a xornada de traballo e as vacacións sen consultar coa parte social
Os traballadores e traballadoras do servizo municipal de recollida do lixo de Nigrán decidiron en asemblea convocar folga indefinida a partir do vindeiro venres 14 de xuño contra a decisión da empresa Cespa de precarizar as condicións laborais.
05/6/13.

A secretaria comarcal da federación, Transi Fernández, sostén que con estas modificacións a compañía pretende que o persoal traballe máis horas no verán e menos no inverno. “En canto as vacacións, impoñen gozalas en só dous meses ou dividilas no resto do ano; din que así non substituirán os postos de traballo que se viñan cubrindo de xeito temporal”. Fernández lembra que o convenio marca que as vacacións teñen que ser de xuño a setembro e que “se se conseguiu isto foi grazas a nove días de folga”.

    A responsábel sindical indica que a empresa Cespa alude a problemas económicos para xustificar as medidas, pero “nas reunións que mantivemos co alcalde de Nigrán garantizounos que non lle deben ningún pago”. Diante disto, recoméndalle á compañía que “se perden cartos coa concesión que a deixen e que saia de novo a poxa”.

    Finalmente, denuncia que o Concello de Nigrán ten unha taxa de lixo moi similar á de Vigo, cando ten bastante menos habitantes. “A pretensión da empresa é facer o servizo con menos custe para gañar máis cartos”, remata.