O convenio de Grandes Almacéns hipoteca até 2012 o poder adquisitivo do persoal

12/8/09.CIG-Servizos fai unha valoración negativa do convenio de Grandes Almacéns, rubricado o pasado 5 de agosto entre a patronal ANGED e os sindicatos amarelos FETICO e FASGA no máis absoluto escurantismo e coa exclusión da central nacionalista da mesa negociadora.

De seguido, a CIG-Servizos expón unha análise crítica dos principais puntos do convenio:

Vixencia:

Desde o ano 2009 até o 2012: Ao asinar un convenio tan longo, non se garante o poder adquisitivo do persoal.

Incremento salarial:

Ano 2009: 2% (por debaixo da media de convenios asinados)

Anos 2010, 2011 e 2012, incrementarase a media entre o IPC previsto e o real, é dicir, non se frea a perda do poder adquisitivo. Estas subas están baseadas nas fórmulas que dependen da evolución do consumo. Os traballadores e traballadoras nunca van gañar máis do 1%. E, aínda por riba, non hai cláusula de revisión salarial en caso de que a inflación medre e haxa que pagar a diferenza con carácter retroactivo.

Distribución da xornada:

As empresas poderana modificar de xeito irregular. Amañarán os horarios nos Comités Intercentros, co cal os empregados e empregadas non gozarán dos descansos como eles desexen senón como pretendan os patróns.

Baixas por Incapacidade Temporal:

O persoal perde o dereito a ter as baixas ao 100%. Só se respectarán a primeira do ano e, para iso, as empresas só a aboarán ao remate do mesmo para comprobar cantas baixas tiveron os traballadores e traballadoras. Despois, as segundas baixas en adiante xa non se aboarán ao 100%. Esta circunstancia bota por terra os acordos acadados en centros de traballo.

Modificación de condicións de traballo:

As partes asinantes do convenio acordaron a posibilidade de modificar condicións de traballo sen ter que abrir un expediente.

CIG-Servizos non asinou o convenio anterior porque non estaba de acordo coa suba nin con outros aspectos, pois, por exemplo, o incremento do ano 2008 fora do 2´3 %, cando daquela aínda non había crise. 

No convenio actual, a patronal e o sindicatos amarelos asinan unha suba do 2%. Por tanto, todos eles volven a dar outro golpe aos traballadores e traballadoras, que non poderán percibir 1.000 euros mensuais en moito tempo.