O Ministerio de Traballo insta a modificar artigos do convenio de seguridade
En concreto, a autoridade laboral entende que o artigo 42.2 do convenio non se atén ao estabelecido no Estatuto dos Traballadores para o descanso mínimo semanal. O Ministerio considera que a cláusula de descolgue salarial, contemplada no artigo 83.A, tampouco se axusta ao disposto nas reformas introducidas no Estatuto dos Traballadores pola Lei 35/2010, de 17 de setembro, de medidas urxentes para a reforma do mercado de traballo.
Convenio rexeitado pola CIG-Servizos
CIG-Servizos rexeita o convenio porque supón unha perda importante de poder adquisitivo, nomeadamente do 2´2%. O apartado económico contempla a conxelación salarial para os anos 2009 e 2010, unha suba do 1% en 2011 e, a partir do 1 de xaneiro de 2012, os soldos incrementaranse en función do IPC real de 2011 máis a diferenza entre o IPC real de 2010 e o 1%. O convenio tampouco arbitra medidas de conciliación da vida laboral e familiar.
CIG-Servizos dubida da legalidade do artigo 44, relativo ao descanso anual compensatorio, e considera que o texto tampouco soluciona os problemas de subrogación do transporte de fondos.
Desestimento na impugnación do convenio 2005-2008
Noutra orde de cousas, a patronal APROSER desistiu na impugnación do convenio do período 2005-2008 e, por tanto, as actuacións ficaron arquivadas.
| Adxunto | Tamaño |
|---|---|
| Resolución do Ministerio de Traballo sobre o convenio de seguridade | 67.71 KB |
| Desestimento de APROSER da impugnación do convenio 2005-2008 | 106.67 KB |



