Os traballadores prestaban os seus servizos nos centros de traballo Santo Anxo de Rábade, Residencia LUG-I e tamén en INGEMARGA. A CIG-Servizos de Lugo explica que de terse desenvolvido todo con normalidade terían cambiado de empresa o pasado día 31 de marzo.
Porén, a nova adxudicataria Protección y Seguridad Técnica S.A. (PROSETECNISA) negouse a cumprir coa súa obriga de subrogalos, segundo o Art 14.-A, do convenio, malia seren sabedora a empresa da situación económica pola que pasaban, xa que levaban 5 meses sen cobrar na anterior, Sequor. “Tentou esganalos aínda máis prorrogándolles esa situación, para que estes traballadores cederan ás súas pretensións, e asinaran un novo contrato, coa conseguinte perda de dereitos laborais, pluses de perigosidade, distancia, etc”, denuncian.
Na concentración participaron moitos compañeiros/as de seguridade privada e do resto de federacións da CIG de Lugo que confían en que se faga xustiza.