A protesta iniciouse minutos antes de que as dúas traballadoras despedidas entrasen nas oficinas do SMAC da Coruña para o acto de conciliación no que, como era de prever, a empresa negouse á readmisión, aínda que nesta ocasión recoñeceu a improcedencia da medida. A este respecto, cómpre lembrar que as empregadas viñan desenvolvendo dende hai anos a súa actividade no departamento de peixería (unha delas mesmo foi delegada da CIG) e a empresa despediunas alegando baixo rendemento, curiosamente tomando como referencia o período no que Galiza estivo azoutada pola vaga de temporais.
“O lóxico sería que as readmitiran, pero vendo como se está a comportar a empresa, imaxinamos que isto non ía suceder”, criticou a Presidenta do Comité, Begoña Martínez, quen apuntou que, na maioría dos casos, non é posíbel acadar ningún acordo, polo que os despedimentos acaban no xulgado.
Porén, dende a CIG-Servizos reiteran que máis alá da improcedencia, con esta campaña de mobilizacións as centrais sindicais buscan lograr a readmisión das traballadoras e os traballadores despedidos e disuadir a empresa de proseguir con estas prácticas. Por iso, anunciaron, as mobilizacións van continuar, así como a campaña de recollida de sinaturas entre a clientela, iniciada hai dúas semanas.
Unha campaña que, subliña a Presidenta do Comité, está a ter moi boa acollida entre os/as clientes, que se senten identificados/as coas traballadoras e traballadores. “Xa temos recollida un bo número de sinaturas e seguiremos recollendo máis mentres a empresa non mude a súa actitude”, advirte.
Carros cheos de produtos
Logo dos actos no SMAC, a protesta trasladouse até diante das portas do Gadis situado no mesmo edificio, para demandar a readmisión das traballadoras e o cese inmediato desta política represiva. Como medida de presión, mentres se desenvolvía a concentración, un grupo de persoas entrou no supermercado para encher carros e cestas da compra que deixaban ao pasar pola caixa, indicando “que pague Gadis cos cartos dos despedimentos”.
Con este xesto, referíanse tamén ás malas artes que pon en práctica a empresa, que se aproveita do descoñecemento do persoal e da falta de contacto coas centrais sindicais para rescindir contratos, en ocasións obrigando aos traballadores e traballadoras a asinar finiquitos e ceses voluntarios que non comportan indemnizacións.