Que é a Federación de Servizos da CIG?

Que é a Confederación Intersindical Galega?

A Confederación Intersindical Galega (CIG) xorde do seu congreso fundacional, o 19 de marzo de 1994, e é a converxencia das dúas centrais sindicais galegas, CXTG e INTG, que asinaran previamente un pacto de alianza o 2 de abril de 1990.
 
A orixe da CIG, e da INTG e CXTG, remóntase ás loitas sindicais da década dos 70 en Galiza, co nacemento de varias organizacións sectoriais, entre as que cómpre salientar o SOG (Sindicato Obreiro Galego), que deu orixe no ano 1977 á ING (Intersindical Nacional Galega), que se unificará posteriormente coa CTG (Confederación de Traballadores Galegos) e mais a CSG (Central Sindical Galega). Deste proceso de converxencia nacen a INTG e a CXTG, que agora se unifican na CIG.
 
A CIG é un sindicato de clase que defende a identidade nacional de Galiza e a autoorganización dos traballadores e traballadoras, que practica a solidariedade e o internacionalismo, que considera un principio fundamental a democracia e a participación, que respecta o pluralismo, que mantén a independencia respecto de calquera outra organización ou institución, que se expresa en galego e impulsa a nosa cultura e idioma.
 
A Confederación Intersindical Galega ten como obxectivos básicos a mellora progresiva e xeral, individual e colectiva, dos traballadores e traballadoras; o impulso do Marco Galego de Relacións Laborais e a construción da Central Sindical Única Galega; a defensa do pleno exercicio dos dereitos humanos, individuais e colectivos, incluíndo o dereito de autodeterminación; a loita por unha nova orde económica internacional, máis xusta e solidaria; a reforma do marco xurídico e político que permita a Galiza ser suxeito de pleno dereito dentro da Unión Europea e contar con plena capacidade de actuación en todas as materias, etc.

Que é a Federación de Servizos da Confederación Intersindical Galega?

A Federación de Servizos da CIG, en siglas CIG-Servizos, é unha organización sindical integrada na Confederación Intersindical Galega (CIG), polo que acepta os seus estatutos. A CIG-Servizos nace en 1994 como resultado da converxencia das federacións de Servizos dos sindicatos CXTG e INTG.

A Federación de Servizos da CIG engloba os seguintes sectores: todas as ramas do Comercio (Téxtil,  Metal, Pel, Vidro Plano, Materiais de Construción, Mobles e Alimentación), Drogarías, Farmacias, Bazares, Floristarías, Librarías, Hostalería, Axencias de Viaxe, Medios de Comunicación, Cine, Teatro, Espectáculos, Dobraxe e Son, Deportes, Bibliotecas, Museos, Salas de Xogo, Administracións de Loterías, Perruquerías, Tinturerías, Lavanderías, Limpeza, Predios Urbanos, Pompas Fúnebres, Xardinería, Clubs e Sociedades Recreativas, Seguridade Privada, Empregadas/os de Fogar, Residencias Privadas da 3ª Idade, Grandes Almacéns, Vixiantes de Parquímetros, Distribución de Butano, Axuda a Domicilio, Plantas de tratamento de RSU e outras ramas similares, así como aquelas empresas de servizos que xestionen servizos públicos.

A CIG-Servizos ten como obxectivo a defensa dos intereses profesionais, económicos, sociais e mesmo culturais dos traballadores e traballadoras do sector enmarcados nos intereses e aspiracións xerais da clase traballadora e na loita pola súa emancipación e o Socialismo. Mesmamente a CIG-Servizos asume a defensa dos dereitos nacionais de Galiza e a súa autodeterminación como Nación, así como, das liberdades individuais e colectivas e os valores democráticos que tratará sempre de profundizar e ampliar. A CIG-Servizos procurará a constante mellora da calidade de vida e o propio benestar dos traballadores e traballadoras, asume a reivindicación de igualdade real entre o home e a muller e a paz entre os pobos e nacións e a participación de todos os cidadáns en todos os bens que eles mesmos crean. A Federación de Servizos é soberana e independente e decide todas as cuestións que lle afecten sen inxerencia algunha. A CIG-Servizos garante a liberdade de expresión e pensamento, se é o caso, sen restrición de ningunha clase, sendo a libre circulación de ideas un principio inviolable da Federación e dos seus afiliados e afiliadas, que non poderán ser discriminados por razón de orixe, credo, pensamento ou filiación política.