Reunión 17ª: UGT e USO dan por boa a proposta económica da patronal

05/11/10.UGT e USO deron o seu beneplácito á proposta dos empresarios da seguridade privada, polo que a sinatura do convenio é inminente. CIG-Servizos rexeita esta oferta porque supón unha perda importante de poder adquisitivo, nomeadamente do 2´2%. A central nacionalista reitera a súa demanda do convenio galego como única solución ás necesidades dos vixilantes.

A oferta dos patróns contempla a conxelación salarial para os anos 2009 e 2010, unha suba do 1% en 2011 e, a partir do 1 de xaneiro de 2012, os soldos incrementaranse en función do IPC real de 2011 máis a diferenza entre o IPC real de 2010 e o 1%.

O entendemento de UGT e USO coa patronal plasmouse novamente na última reunión da comisión negociadora, celebrada en Madrid o 5 de novembro. Os empresarios entregaron á parte social o convenio impreso coa intención de asinalo nese mesmo día. Finalmente estas dúas centrais rubricarán con toda probabilidade o texto na vindeira xuntanza da comisión, prevista para o 11 de novembro.