O persoal das auxiliares de Navantia demanda unha única táboa para o ‘plus dos estaleiros’, estender a súa aplicación e mellorar as contías
Ante a perspectiva de carga de traballo dos próximos anos na ría de Ferrol, os sindicatos trasladáronllé á patronal un documento para dignificar as condicións
Ferrol -
Unificar as dúas táboas salariais recollidas no convenio de siderometal da Coruña, estender o plus dos estaleiros, reducir a diferenza entre categorías e incrementar o importe da categorías máis baixas unificándoas nunha soa, son as demandas que os sindicatos CIG, UGT, CCOO, MAS e CGT e a comisión de auxiliares de Navantia trasladaron á dirección da empresa naval e á patronal para actualizar a disposición adicional segunda do convenio provincial.

A reivindicación de modificar as condicións do denominado ‘plus de estaleiros’ (unha mellora recollida no convenio do metal para aquel persoal da industria auxiliar que desenvolve o seu traballo no interior das instalacións de Navantia) enmárcase no contexto de abundante carga de traballo para o vindeiros anos na ría de Ferrol e a necesidade de dignificar as retribucións económicas das traballadoras e traballadores das contratas.
Así o expuxeron este venres nunha rolda de prensa ofrecida na porta das áncoras do estaleiro de Ferrol na que a representación social defendeu “o que consideramos que teñen que ser as condicións salariais que deberán rexer as relacións laborais nas empresas auxiliares do naval”.
Demanda unitaria dos sindicatos
O documento, destacou o secretario comarcal da CIG-Industria de Ferrol, Serxio Martínez, é unha demanda unitaria de todos os sindicatos con representacións e conta co acordo unánime das asembleas de persoal -realizadas no día de onte e esta mesma mañá nas instalacións de Fene e Ferrol-, nas que houbo unha participación maioritaria.

Sobre o seu contido, Martínez indicou que contempla estender o plus a persoal que antes non o percibía, reducir a diferenza entre categorías e unificar as categorías máis baixas nun complemento de maior contía “para evitar a picaresca de determinadas empresas que, para aforrar cartos, contratan persoal con categorías moi por baixo da súa cualificación”.
Pero ademais, unificar as dúas táboas actuais do convenio (aceiros e servizos) permitiría rematar coa discriminación económica de persoal que cobra diferentes cantidades “polo único feito de facer uns determinados traballos e non outros”.
Estas melloras económicas por enriba do convenio (que o persoal das auxiliares tivo que pelexar e loitar) ademais de supor un avance nos dereitos “poden axudar a paliar as duras condicións laborais nos estaleiros e atraer a máis persoas traballadoras, algo imprescindíbel se se pretende abordar con éxito todos os novos proxectos que ten por diante o sector”.

Valorou que a dureza e a precariedade do traballo nos estaleiros provocou que moitas persoas novas optasen por traballar noutros sectores e que agora é o momento de recuperar dereitos e avanzar nas condicións salariais.
O secretario da CIG-Industria de Ferrol engadiu que a pretensión sindical é comezar a negociar coa parte empresarial na maior brevidade e non prolongar durante meses as reunións. E aseverou: “a patronal ten que aceptar este documento porque é a vontade do persoal da industria auxiliar, que ten plena consciencia de que as súas condicións teñen que mellorar e está en disposición de loitar para conseguilo”.

