CIG-Ensino lamenta a tardanza en actuar da Consellaría para garantir a saúde e a seguridade durante as obras no CIFP Manuel Antonio de Vigo
A Inspección Educativa informou que se constituirá unha comisión de seguimento
Vigo -
Un grupo de profesorado e de delegados e delegadas sindicais da CIG-Ensino protestou na mañá deste mércores na sede da Inspección Educativa de Vigo para reclamar garantía de protección para o persoal docente e o alumnado durante as obras no CIFP Manuel Antonio. A acción realizouse con motivo da citación a un docente do instituto por parte da xefatura da Inspección, a quen lle comunicaron que se vai constituír unha comisión de seguimento das obras na que se incluirá persoal docente.

A CIG-Ensino considera que a información sobre a xestión das actuacións no CIFP Manuel Antonio “non foi nada eficaz por parte da Consellaría” e insta a que se emende esta falta de comunicación “e se traslade a partir de agora toda a información sobre este tema para que chegue de forma clara e directa ao profesorado do centro”.
Representantes do sindicato xa advertiran da mala planificación sobre as datas de comezo das obras nun centro destas dimensións e a dificultade que ten compatibilizalas coa vida académica. En varias visitas feitas ás instalacións desde comezos de curso, a CIG fíxose eco do malestar do profesorado pola falta de medidas de prevención e de protección da saúde e da seguridade de toda a comunidade educativa, con exposición a produtos químicos e tóxicos, especialmente lesivos para certos colectivos como poden ser mulleres embarazas.
Así mesmo producíronse caídas de obxectos con evidente risco para a integridade física de profesorado e alumnado que foron postos en coñecemento da administración sen que esta tomara medidas efectivas até o momento.
Despois de que o profesorado do centro presentara queixas por rexistro, se manifestara durante as folgas convocadas este curso ante a situación que padecían, e se realizaran concentracións por parte do alumnado diante do instituto, esta mañá citouse a un docente ante a xefatura de inspección de Pontevedra para pedirlle explicacións sobre a súa implicación nas mobilizacións do alumnado.
Desde a CIG-Ensino apélase a que se resolvan as dificultades técnicas das obras coa menor incidencia posíbel para alumnado e profesorado sen que este último se sinta presionado por exercer o seu lexítimo dereito á protesta.

