A CIG exixe a derrogación da reforma laboral do PP en materia de despido e garantir a aplicación da Carta Social Europea

A central impulsará a presentación dunha Proposición de Lei para blindar o carácter vinculante das decisións do Comité Europeo de Dereitos Sociais

Nacional -

A CIG reivindica do Goberno español que derrogue dunha vez a reforma laboral aprobado polo PP no ano 2012 e repoña as causas e contías previas de indemnización por despedimento improcedente para que o Estado español cumpra co estabelecido na Carta Social Europa (CSE). Neste contexto, ademais, a CIG impulsará unha proposta non de lei para modificar a xurisdición social co obxectivo de blindar o carácter vinculante (e polo tanto de obrigada execución por parte do Estado español) das decisións do Comité Europeo de Dereitos Sociais.

» CARTA DIRIXIDA Á MINISTRA DE TRABALLO 

A apertura por parte do Ministerio de Traballo da chamada mesa do diálogo social para abordar a reforma do despedimento, en base a contundente resolución do Comité Europeo de Dereitos Sociais, volve evidenciar a nula vontade do Goberno español para deixar sen efecto a reforma laboral do ano 2012.

O cambio na lexislación laboral aprobado polo Goberno de Mariano Rajoy -cun enorme rexeite social-  segue “inxustificada e indebidamente en vigor tendo representado  o maior ataque aos dereitos das persoas traballadoras, especialmente no relativo ao abaratamento do despedimento individual e colectivo, en facilitar as causas e situar na unilateralidade empresarial as decisión de executar ERE ou ERTE”.

Derrogar esa reforma, explica o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, suporía cumprir de inmediato cunha obriga do Goberno español co conxunto da clase traballadora e co que estabelece a CSE a respecto do despedimento. Así se recolle na carta que a central nacionalista vai remitir á ministra de Traballo solicitando que actúe neste camiño.

O TS sentenza para deixar sen efecto a Carta

Á teimosía do Goberno español en perpetuar a vixencia a normativa de 2012 e á dilación inxustificada no cumprimento da Carta Social Europea, agrávase coa sentenza do Tribunal Supremo do 16 de xullo de 2025, que considera que as decisións do CEDS non son executivas nin directamente aplicábeis entre particulares. “Como poder do Estado que é, o TS debera velar pola execución das resolución do Comité para que se cumpra a Carta Social Europea, no canto de deixala sen efecto”, valora Carril.

O secretario xeral da CIG puntualiza que a CSE é un tratado internacional que os Estados ratifican de maneira voluntaria, que está incorporada ao ordenamento interno a través da súa publicación no BOE e que as resolucións ditadas polo seu órgano de control son vinculantes, ao igual que o son os convenios asinados coa OIT, en tanto o Estado acepta a supervisión das súas obrigas contraídas na Carta.

Falta de respecto á pluralidade sindical

Doutra banda, Carril critica a fórmula escollida polo Ministerio de Traballo para tratar a reforma do despedimento, que amosa “o nulo respecto do Goberno español á pluralidade sindical existente”, ao utilizar, máis unha vez, o chamado diálogo social para excluír aos sindicatos, como a CIG, que teñen a condición legal de máis representativos. “Alén de sermos o sindicato maioritario en Galiza, a CIG ten o dereito legal a ser escoitada en igualdade de trato que o resto de sindicatos maioritarios”.

Con todo este contexto, a CIG considera de enorme gravidade que o Ministerio de Traballo leve á chamada mesa do diálogo social o despedimento, “cando debera de actuar tomando decisións xa  aprobando os cambios lexislativos necesarios en materia de despedimento para recuperar e crear novos dereitos e non manter unha lei inxusta”. 

Proposición de lei 

Carril lémbralle  ao Ministerio de Traballo e ao Goberno español que está “duplamente obrigado a tomar decisións nesta dirección de forma inmediata e urxente: porque segue pendente de resolver a reivindicación social a prol da derrogación da reforma laboral de 2012 e porque hai que cumprir as resolucións do CEDS”.

Ante esta realidade e a inacción do Goberno, a CIG promoverá a presentación dunha iniciativa lexislativa, mediante unha proposición de lei, no Congreso dos Deputados e das Deputadas, solicitando ao Ministerio que se sume e apoie, a fin de garantir o carácter vinculante das decisións do Comité  Europeo de Dereitos Sociais e a súa obrigada execución por parte do Estado español.

A proposta recolle a modificación do artigo 219.2 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da Xurisdición Social, pola que se engade un novo inciso no seu parágrafo segundo co seguinte contido:

2. Poderá alegarse como doutrina de contradición a establecida nas sentenzas ditadas polo Tribunal Constitucional e polos órganos xurisdicionais instituídos nos tratados e acordos internacionais en materia de dereitos humanos e liberdades fundamentais ratificados por España, sempre que se cumpran os presupostos do número anterior referidos á pretensión de tutela de tales dereitos e liberdades. A sentenza que resolva o recurso limitarase, nese punto de contradición, a conceder ou denegar a tutela do dereito ou liberdade invocados, en función da aplicabilidade desa doutrina ao suposto formulado.

 Cos mesmos requisitos e alcance sobre a súa aplicabilidade, poderá invocarse a         doutrina establecida nas sentenzas do Tribunal de Xustiza da Unión Europea en interpretación do dereito comunitario e nas decisións do Comité Europeo de Dereitos Sociais en interpretación da Carta Social Europea (revisada).

 

Volver