Foro Social Mundial, antiglobalización neoliberal máis necesario que nunca
Manuel Mera -
O Foro Social Mundial séguese a celebrar, cun carácter descentralizado e incluíndo foros temáticos. Perdeu a súa capacidade de convocatoria inicial, aínda que continua sendo un lugar de encontro e debate sobre a realidade mundial e de propostas alternativas á globalización neoliberal
No mes de febreiro do ano 2001 celebrouse en Brasil, na cidade de Porto Alegre, hai un cuarto de século, o primeiro Foro Social Mundial (FSM), ao que asistín en representación da CIG, tamén o faría nos anos 2002, 2003, e 2005. O tempo demostrou que foi unha decisión acertada a realización daquel encontro de debate e posta en común da esquerda mundial, xa que axudaría a denunciar as consecuencias da globalización neoliberal. Esta pretendía, utilizando a man de obra mundial e uns salarios menores, dar un salto cualitativo e cuantitativo en beneficio das grandes corporacións dos Estados Unidos e a Unión Europea.
O Foro Social Mundial de Porto Alegre viña precedido de masivas mobilizacións. Concretamente a finais do ano 1999 en Seattle manifestáronse 40.000 persoas contra o cumio da Organización Mundial do Comercio, unha das institucións que máis empurraban pola globalización neoliberal. As protestas repetíronse ao ano seguinte en moitas cidades de todo o mundo, entre elas Washington, Xenevra, Melbourne, Praga, Niza, Xénova... En Praga a mobilización anti-globalización realizouse en setembro en resposta aos encontros do Banco Mundial e do Fundo Monetario Internacional e salientou polas grandes medidas de seguridade, xa que o Goberno despregou a 11.000 efectivos.
Respecto do 1º encontro facía a seguinte reflexión nun artigo sobre o impacto que causou nos 4.000 delegados/as, que estabamos acreditados polas entidades políticas e sociais de máis de 120 países: “non saíu un documento dos debates, tampouco se pretendía polos organizadores que sabían que alí converxían forzas moi diversas que necesitan percorrer un longo camiño xuntas, participar en accións comúns, coñecerse mellor. Unhas 10 mil persoas participaron do Foro, e serían máis de 20 mil as que se manifestarían na capital do estado de Río Grande do Sul o día da apertura”.
A oportunidade do evento ficou reflectida na importante mobilización que se realizou no mes de xullo de 2001 en Xénova, Italia, coincidindo co cumio do G-8, e que tería un gran eco internacional pola dureza da represión policial. Á cidade foron enviados 20.000 efectivos das forzas de seguridade e militares. Na maior das manifestacións deses días participaron unhas 250.000 persoas. O disparo de militares sobre un participante, ao que xa no chan pasoulle por riba dúas veces un Land-Rover policial amosou en cara máis brutal do sistema. Foron feitos e imaxes que deron volta ao mundo, deixando en evidencia os métodos asociados á expansión do neoliberalismo.
Respecto dos Foros posteriores quero lembrar un acto no ano 2003 no “Gigantinho”. Neste local fixéronse as maiores conferencias do FSM de Porto Alegre, tiña capacidade pra 15.000 persoas, aínda que o 26 de xaneiro estaban ateigados os corredores e moita xente ficou fora do recinto. Falaron Eduardo Galéano, Leonardo Boff, Radha Kumar e Jean Ziegler, diante de 20.000 asistentes. O escritor uruguaio fixo referencia a Galiza, á desaparición da administración durante as primeiras semanas da traxedia polo afundimento do Prestige, e como a sociedade civil, as xentes do mar do noso país e miles de voluntarios, enfrontaron cos medios máis rudimentarios, teimosía e coraxe, á marea negra que pretendía desfacer as rías, despois de tinguir de negro as rochas e praias abertas ao mar. Cun escritor do prestixio de Galéano lembrase este feito e o puxese como exemplo as xentes do lugar reflectía súa sensibilidade, así como a súa solidariedade e aprecio pola Galiza.
O Foro Social Mundial séguese a celebrar, cun carácter descentralizado e incluíndo foros temáticos. Perdeu a súa capacidade de convocatoria inicial, aínda que continua sendo un lugar de encontro e debate sobre a realidade mundial e de propostas alternativas á globalización neoliberal. Agora ben, a cuestión é: volverá o FSM a ter o papel destacado de principios de século ou nacerá un novo punto de encontro, coa participación de partidos e organizacións de base, para intercambiar experiencias, acordar alternativas e organizar oposición mundial a un sistema esgotado e cada vez máis inxusto?.
[Galiza, 23 de xuño de 2026]

