A Inspección de Traballo abre proceso sancionador contra Carrefour Lugo por ocupar postos estruturais con persoal temporal

Lugo -

A Inspección de Traballo vén de comunicar a apertura de procedemento sancionador contra Carrefour Lugo por utilizar persoal con contratos temporais para cubrir postos que teñen carácter estrutural. A investigación laboral abriuse a raíz das denuncias presentadas pola sección sindical da CIG, que leva anos loitando contra a fraude na contratación neste centro de traballo.

Aínda esta denuncia se refire en concreto aos contratos de trece persoas, o obxectivo da sección sindical da CIG “é que a empresa transforme en indefinidos todos os contratos en fraude e non só uns poucos”. Critican a política de contratacións precarias de Carrefour “que nos obriga a ter que acudir á Inspección de Traballo de maneira permanente para regularizar os contratos das traballadoras e traballadores”.

Subliñan que a estabilización no emprego “é posíbel grazas ás denuncias constantes das delegadas e delegados da CIG”, pois a pesar dos millonarios beneficios que obtén, Carrefour segue maltratando o seu persoal, que ten que encadear un contrato precario tras outro e vivir na incerteza permanente.

Na resolución, a propia inspectora confirma que se aprecia “que a práctica da empresa consiste en recorrer a contratos temporais dos que vai variando a causa ou denominación da campaña ou feito promocional, pero que no fondo enmascaran un número mínimo de contratacións de traballadores temporais que se mantén durante todo o ano”, algo que, engade, “incumpre a normativa ao ocupar postos de traballo estruturais con traballadores temporais”.

Por iso, a sección sindical da CIG avanza que continuará denunciando as irregularidades na contratación e os abusos laborais "que buscan manter a precarización laboral dun sector, o da alimentación, moi feminizado e con altos índices de temporalidade, parcialidade e xornadas irregulares nas que se nin sequera se paga o traballo en domingos e festivos”.

Volver