O convenio do metal 2006 e unha folga que deixou pegada

Manuel Mera -

A folga no convenio do metal de Pontevedra iniciouse o día 3 de maio e durou nove días. Un paro necesario para acadar un bo acordo, que se prolongou durante tres anos e que trouxo evidentes avances e conquistas laborais para a clase traballadora do sector do metal

 

 Coido de interese reproducir este artigo publicado nesta páxina web da central sindical, o 27 de maio de 2006, con algúns recortes e engadidos, dada a súa extensión e cuestións moi especificas do momento. No artigo faise unha valoración da loita no convenio do metal, dos acertos, e tamén dos erros, mesmo que o convenio fose un avance e aprobado pola asemblea, dado que a participación obreira no paro e nas mobilizacións foi masiva, e o papel da CIG moi destacado.

 O convenio do metal da provincia de Pontevedra abranguía naquela altura 3.500 empresas e 23.000 traballadores e traballadoras, dun total de 39.000 no sector –o resto tiñan convenio de empresa-. Era unha negociación que, xa nos derradeiros anos ditadura, poren especialmente na transición política, salientou polo grao de combatividade e pola capacidade mobilizadora da clase obreira. E, concretamente, na década anterior á negociación de 2006, tanto no ano 1994 como en 1999 houbo paros a prol da mellora no convenio seguidos pola totalidade do persoal.

 Un pouco de historia. No ano 1994 durante os meses de xuño e xullo o sector mobilizouse polo convenio. Fixéronse unha morea de manifestacións e actos de protesta. En total foron 17 días de folga, que sería indefinida dende o día 14 até o asinamento do convenio o 27 de xullo. Chegouse a un acordo despois de negociar toda a noite, os titulares dalgúns xornais facían mención a 17 horas de negociación continuas. O convenio colectivo do metal abranguía daquela na provincia de Pontevedra a 2.000 empresas e un cadro de persoal de 13.000 operarios/as.

 No ano 1998 asinouse un novo convenio do metal, con acordos que incluían a prohibición de contratar coas ETT (empresas de traballo temporal) así como unha paga por toxicidade e penosidade. Houbo problemas para súa aplicación nas auxiliares do naval, polo que se decidiu non facer horas estras nas empresas afectadas, para obrigalas a que se pagasen os pluses. Mais diante da actitude inflexíbel das empresas convocouse un paro (que afectaba a 200 empresas e 3.000 traballadores).

 Despois de 15 días de folga chegouse a un preacordo o 7 de xuño 1999, que non se aplicou por moitas empresas do naval, polo que no mes de outubro foise de novo ao paro, neste caso selectivo, de xeito tal que a medida que as empresas ían asinando o acordo desconvocábase nelas a folga, que continuaba nas que non o cumprían. Nalgunha empresa houbo 12 días de paro ate que cumpriron o acordo. Esta foi unha experiencia nova sobre como levar adiante unha folga, que se amosou efectiva para resolver esa reivindicación e nese momento.

 No ano 2006 o convenio colectivo do metal provincial de Pontevedra abranguía máis traballadores e traballadoras que nunca antes. Isto debeuse ao pulo da industria auxiliar do automóbil e que a construción naval estaba pasando por un bo momento. Era polo tanto unha conxuntura de auxe económico, e sobre todo de aumento de beneficios empresariais. Un escenario no que non había argumentos para negar as reivindicacións laborais máis esenciais, non sendo por pura cobiza por parte da maioría dos empresarios (do capital).

 Ademais, como consecuencia deste crecemento do sector, nos últimos anos incorporouse moita mocidade, que participou masivamente nas asembleas e nas mobilizacións. Esta era unha mudanza positiva. Unha tendencia que non era exclusiva do metal, lembremos a loita contra a LOU ou como consecuencia do afundimento do Prestige. Unha nova xeración estábase abrindo camiño, facendo a súa andaina, e faino tamén do brazo coa clase obreira máis loitadora do metal (dos setenta, dos oitenta e dos noventa). Outra das novidades positivas, nunha actividade tradicionalmente masculina, sería na participación e visibilidade das mulleres, tanto nas mobilizacións laborais, sociais e políticas, como na representación.

 Nove días de folga. A folga no convenio do metal de Pontevedra iniciouse o día 3 de maio e durou nove días. Un paro necesario para acadar un bo acordo. Este foi por tres anos, Conseguiuse a rebaixa da temporalidade. Creábase unha bolsa de traballo, polo que o primeiro obreiro que causase baixa debía ser o primeiro na lista para ser contratado no estaleiro, e, unha vez cuberto todo persoal da bolsa da empresa, deste xeito pasábanse a cubrir as necesidades dende a bolsa xeral do sector. As empresas terían que ter no ano 2008 un cadro mínimo de persoal fixo do 50% -no subsector naval atinxía o 70% a temporalidade media-. Conseguíase un aumento salarial para un peón dun 7,2% o primeiro ano, e un medre dos salarios nos tres anos de, aproximadamente, un 17% en todas as categorías. No caso de baixa por enfermidade con hospitalización compensaríase o 100% da retribución ate a alta medica, ou por un período máximo de tres meses.

 Estas conquistas non son casuais. Cómpre lembrar que a CIG tiña neste convenio un peso relevante, 6 representantes na mesa de negociación, catro eran de CCOO e 2 da UGT. Así mesmo, o sindicato nacionalista, organizou en boa medida os piquetes que en toda a provincia garantiron a mobilización e o éxito da folga. Lembrar que historicamente a CIG defende que a asemblea sexa quen decida, dando deste xeito participación e protagonismo a todos os traballadores e traballadoras. Esta foi unha das razóns que garantiu a masividade das mobilizacións dende o primeiro día. Noutros convenios, onde a presenza da CIG era menor, non se contaba con esta complicidade da base, xa que nesta etapa CCOO e UGT non potencian a participación e toma de decisións nas asembleas de sector ou empresa. A unidade que se mantivo no sector en toda a folga, mesmo a participación masiva de todos os sub-sectores, merece un eloxio porque amosou a solidariedade de clase. Un sentir que foi capaz de condicionar a negociación, evitar a ruptura da unidade sindical, un atranco que estivo presente dende o primeiro intre por parte da UGT

 Agora ben, a participación masiva non é unha casualidade, é produto como se dixo, a que dende a CIG se afortalou a mobilización e a participación durante a folga poren ademais produto de que había un traballo previo. Dende que se asinou o anterior convenio fixéronse asembleas, debatéronse os temas laborais, así como outros problemas sociais e políticos, tanto nacionais como de carácter máis universal. Traballouse arreo por potenciar a conciencia de clase. Isto permitiu contar cun chanzo máis alto de conciencia colectiva que en anteriores oportunidades, non só entre os delegados/as senón nunha parte moi grande dos operarios/as do metal. Ademais realizáronse asembleas previas ao convenio, explicando o proxecto e os obxectivos. En fin, fíxose por parte da CIG un traballo organizado, que sempre se debe mellorar, mais realizouse un esforzo importante.

 Represión policial. Tampouco se lle pode restar importancia á carga policial do oito de maio, contra a protesta diante da Estación de Ferrocarril, e que deixou os ánimos quentes. Non foi unha carga máis, xa que a policía empregouse a fondo contra a cabeceira da manifestación, dividiu a uns 300 do resto, mallou neles canto puído, e cando saían da praza disparoulles pelotas a queimarroupa. Perseguiu os/as manifestantes por toda a cidade, dende a Praza de España até a Porta do Sol, bateu en operarios da construción e mesmo nalgún turista distraído, que nunca tal vira. Había, especialmente na mocidade –e non só nela-, un desexo de non deixar as cousas así.

 Esta agresión policial non era casual. Había intención por parte do Goberno –tal como manifestou posteriormente o subdelegado- de rematar coa participación masiva e dobregar os traballadores/as do metal. O Goberno tomou partido claramente polos empresarios e querían sacar o conflito da rúa. Foi un obxectivo que non conseguiron, daquela que ao día seguinte había a mesma xente, ou máis. Diante da situación a patronal viuse forzada a procurar un acordo rápido, máxime cando estaba anunciado un paro de todo o metal que ía paralizar Citroën e as grandes auxiliares do automóbil. E xa se sabe Citroën pesa moito en Vigo. Polo tanto non semella casual que esta carga se fixera despois de dous días de manifestacións fronte ás portas desta empresa, e que seica obrigou a paros nalgunha liña de produción.

 A nosa central sindical sempre deu -e seguira dando- canle a estas inquedanzas de loita radical contra a precariedade e o desemprego, unha pelexa que comparte, por iso foi escoitada con moita atención nas asembleas. Para aportar solucións a esta situación laboral inxusta, noxenta, non abonda con cambios nas formas se non levan consigo un reparto xusto do emprego e da renda. Non chega só con xestionar mellor, fai falla rematar coa precariedade, co desemprego crónico, coa emigración masiva da mocidade, coa especulación na vivenda, fai falla soberanía, capacidade de decidir para e desde a nación galega. A riqueza producida non se pode seguir acumulando exclusivamente nas mans dunha fracción da sociedade e o país ter un papel subordinado na cadea de valor. A clase obreira, a mocidade, quer ver, palpar, plans concretos con tempos previamente fixados, quere un raio de luz no mañá.

 Esta loita amosa máis unha vez a importancia da negociación colectiva para afortalar o sindicalismo, para xerar conciencia social e mesmo para avanzar na cuestión nacional e de clase, se facemos antes, durante e despois do conflito unha correcta e ampla campaña de información, de loita das ideas, da formación dunha conciencia popular. Cómpre ademais organizacións cunha militancia entregada e con iniciativa, moitos medios de comunicación propios, que non enganen o agochen ou deformen interesadamente o que pasa. A loita de clases é unha realidade e ninguén pode deter a historia, e tampouco o sindicalismo abranguelo todo, aínda que estea na primeira liña de combate pola dignificación do traballo e a defensa dos intereses populares, democráticos e nacionais. Importa moito que o laboral e social sexa central na actividade política.

 

[Galiza, 29 de abril de 2026]

Volver