O persoal de panadarías de Lugo mobilizarase este venres 16 de maio en demanda dun convenio digno
A manifestación sairá ás 10:30h da Praza do Rei
A CIG, UGT e CCOO teñen convocada unha manifestación para o vindeiro venres, 16 de maio, en demanda dun convenio colectivo digno para o sector das panadarías na provincia de Lugo. A marcha sairá ás 10:30h da Praza do Rei (Fonte do Rei) e rematará na sede da CEL na Praza de Santo Domingo. A CIG chama as traballadoras e traballadores a participar nesta mobilización para dar unha resposta contundente ás pretensións patronais de consolidar a precariedade e os baixos salarios.
O convenio para as industrias do pan de Lugo está vencido dende o 31 de decembro de 2023 e aínda que a mesa de negociación está activa, nas nove reunións mantidas até agora foi imposíbel chegar a un acordo a causa das propostas miserentas da patronal. O convenio de panaderías regula na provincia de Lugo a unhas 1.500 persoas, e aínda que a maioría traballan en pequenas empresas, o sector estase concentrando cada vez en compañías de maior tamaño e mesmo combinando distintas actividades nos despachos de venda.
Porén, nesta negociación, a patronal pretende consolidar a precariedade económica nun convenio colectivo no que as táboas xa quedaron por debaixo do SMI. De feito, explica Christian López Carmona, secretario da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, a proposta de incremento salarial da patronal para 2024 deixaría os soldos do persoal na categoría de axudante que non cobran antigüidade, 955,20 euros por debaixo do salario mínimo interprofesional anual; e para a categoría de oficial esta diferenza situaríase nos 431,95€.
Co incremento do 3,25% ofertado para 2025, a distancia co SMI incrementaríase significativamente. Pero ademais, a patronal négase a asumir as propostas e mecanismos trasladados pola parte social para garantir a non absorción de determinados completos, xa que isto suporía afondar na perda da capacidade adquisitiva dos traballadores e traballadoras.
De igual xeito, o empresariado tampouco quere negociar a redución da xornada laboral a pesar de que este convenio estabelece “unha xornada máxima anual desfasada, e coa penosidade engadida de ser unha xornada laboral cunha nocturnidade sen valorar na súa xusta medida”.
Este inmobilismo patronal, denuncia López Carmona, aboca o persoal á pobreza e á precariedade laboral, posto que o convenio non ten garantías económicas e porque existen empresas que empregan complementos extra salariais ou mesmo pechan salarios anuais “que na realidade supoñen a súa conxelación”.
Neste contexto, as centrais sindicais entenden que o sector ten que reaccionar e dar unha resposta contundente á patronal que evidencie o rexeitamento ás súas mesquiñas propostas e permita desbloquear a negociación. Pois, subliña López Carmona, só a través da loita e da mobilización “seremos capaces de dotarnos dun convenio moderno e con garantías para o persoal do sector”.
Novas relacionadas
