Persoal civil de Defensa continúa en loita por unha mellora salarial xusta

Este xoves recibiron o apoio do comité de Navantia e delegados/as das auxiliares ás súas reivindicacións

Ferrol -

Persoal civil de Defensa continúa a súa loita por un incremento salarial digno e para amosar a súa disconformidade coas decisións do Ministerio que lonxe de corrixir as discriminacións retributivas están afondando no problema. Este xoves, membros do comité de Navantia e representantes do persoal da industria auxiliar que traballa de maneira habitual na parte militar do estaleiro trasladaron publicamente o seu apoio ás reivindicacións do colectivo a prol de melloras salariais.

A acción antecede á manifestación que as traballadoras e traballadores de Ferrol van realizar o próximo o xoves 13 de novembro e que sairá ás 11h da porta do Parque do Arsenal e rematará no edificio de Facenda en Esteiro.

A representación da CIG critica que o Ministerio de Defensa que foi quen orixinou esta situación inxusta, “por unha decisión política de incrementar o seu gasto, pero no apartado exclusivamente militar”. E por outra banda, sinalan que é o Ministerio de Facenda “quen dá financiamento a esta decisión”.

Esta discriminación afecta a milleiros de persoas traballadoras, pois contabilizando só as instalacións de Ferrol, o Ministerio de Defensa ten máis de 500 traballadores e traballadoras do ámbito civil, -de réximes laboral, funcionario ou estatutario-, que exercen diferentes funcións que van desde o mantemento das instalacións e embarcacións militares, pasando polo administrativo, docente nas escolas de Especialidades, sanitario ou de enxeñaría como o desenvolvemento tecnolóxico e de inspección de construccións militares.

Volver