Seguimento total na folga do comedor das instalacións de Inditex en Narón
O apoio masivo provocou que este luns non haxa servizo de comidas
Narón -
Practicamente o 100% do persoal que presta o servizo de comedor nas instalacións que Inditex ten en Narón (Pull&Bear e Indipunt) está secundando este luns a folga de 24 horas para reclamar condicións salariais e laborais xustas. O seguimento masivo do paro provocou que, ao igual que a pasada semana nas instalacións de Inditex en Arteixo, este luns non haxa servizo de comidas.

A protesta enmárcase na loita que o persoal de Sodexo, Samsic e Veolia, tres das principais auxiliares de Inditex, está levando adiante en demanda duns salarios e dunhas condicións laborais acordes coa gran multinacional para a que traballan. Para darlle máis visibilidade á súa loita, as traballadoras e traballadores concentráronse ao mediodía diante do complexo do grupo téxtil en Narón ao berro de “traballo para Inditex e non chego a fin de mes”.
Estas tres auxiliares realizan servizos imprescindíbeis para o funcionamento diario das instalacións de Inditex como son comedor (Sodexo), limpeza (Samsic) e mantemento (Veolia). Porén, en pleno proceso de negociación para a renovación dos acordos que se lles aplican, a multinacional négase a aumentar os orzamentos que destina as súas contratas para que o persoal poida percibir uns salarios xustos e mellorar as condicións laborais e sociais.
Unha negativa que se dá cando Inditex pechou o ano 2024 con cifras récord en vendas e beneficios e segue en proceso de expansión. Por iso, subliña o secretario da CIG-Servizos de Ferrol, Francisco Cartelle, as mobilizacións continuarán até acadar un acordo digno. Neste senso, apunta á firme disposición do persoal a loitar polos seus dereitos, evidenciada tanto no seguimento da folga desta luns en Sodexo-Narón como na folga e nos paros desenvolvidos o xoves e venres da pasada semana nas tres auxiliares en Arteixo.
Ademais, de non producírense avances significativos, as asembleas de persoal xa están valorando a posibilidade de ir á convocatoria dunha folga indefinida.