“Sen saúde laboral Mercadona vai moi mal!”
A CIG-Servizos mobilizouse hoxe contra o acoso na empresa de alimentación coincidindo coa inauguración dun supermercado en Vigo
Vigo -
A CIG-Servizos desenvolveu hoxe unha nova concentración contra o acoso laboral en Mercadona e para rexeitar unha política empresarial interna baseada en insultos, berros, chantaxes, abusos de poder e vulneración de dereitos. Nesta ocasión a protesta tivo lugar en Vigo coincidindo coa inauguración dun supermercado da marca na avenida García Barbón, un grupo de persoas traballadoras e delegadas sindicias se mobilizaron ao berro de “Sen saúde laboral Mercadona vai moi mal”.

A concentración, que tivo lugar a partir das 11:30 horas, fai parte da campaña ‘Un segredo a voces’ posta en marcha en 2022 para denunciar o ‘modelo’ implantado pola compañía de alimentación, caracterizado por unha serie de abusos contra as persoas traballadoras e as delegadas sindicais, como faltas de respecto, berros, insultos, persecución, illamento laboral e o acoso telefónico ao persoal que se atopa de baixa.
“Grazas ás distintas accións que levamos a cabo o ano pasado, con mobilizacións cada dous meses, a situación na empresa vai mudando, pero a realidade é que os berros, os insultos, as faltas de respecto, a persecución e o illamento laboral son, polo momento, o noso día a día nos centros de traballo”, tal e como explica a secretaria da sección sindical da CIG en Mercadona na provincia de Pontevedra, Verónica Pérez.
Sostén que a pesar de que a empresa está a levar a cabo un “cambio de imaxe” respecto ao persoal coordinador, “Mercadonasegue a empregar o medo como arma de control, até o punto de que todas as empregadas sufrimos nalgún momento abusos laborais dalgún tipo”.

De xeito que reclamar redución de xornadas para coidado de menor ou familiar dependente, solicitar concreción horaria, caer de baixa por incapacidade temporal, confrontar coas medidas organizativas da empresa ou pertencer a un sindicato como a CIG “é para Mercadona ir en contra do 'modelo'; un 'modelo' non escrito usado como ferramenta de presión e coacción”.
Trátase dun xeito de dispor as persoas traballadoras dentro do propio centro, unhas como exemplares e outras como relegadas, “facendo que estas últimas sexan marcadas e illadas sistematicamente pola rede que a propia empresa ten tecida”. Mentres o persoal é sometido mediante un convenio peor que o anterior, con vulneración de dereitos e con cargas de traballo moi altas pola falta de contratacións para substituír as baixas.
De igual xeito, a suba salarial non se establece en función das elevadas ganancias da empresa, “polo que temos que seguir suplicando e agardando a prima, que se utiliza como premio ou castigo de xeito discrecional, non por meritocracia, senón por seguir ou non o 'modelo' aplicado pola empresa”. E denuncian que Mercadona segue instalada no seu “autoritarismo empresarial”, negándose á negociación colectiva en beneficio do avance social, “pero dándolles pan a CCOO e UGT para que non lles mordan a man e para que sigan a actuar como persoal de confianza”.

